• Con apenas dez segundos de diferenza, ambos primos deixaron unha pegada histórica no tenis de mesa galego ao proclamarse campións nas súas categorías.

 

O Porriño, 7 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño recibiu esta mañá na Casa Consistorial aos mozos porriñeses Brais Díaz e Xabi Fernández, recentemente proclamados campións galegos de tenis de mesa nas categorías Sub-23 e Infantil, respectivamente, no Campionato Galego celebrado en Narón.

O acto, que contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo, foi unha homenaxe ao talento, ao traballo e ao compromiso destes dous deportistas que, con só dez segundos de diferenza, acadaron os títulos xogando en mesas paralelas, nun final histórico para o tenis de mesa porriñés.

Xunto a eles estiveron tamén presentes os compañeiros e compañeiras do Club Monte Porreiro, que non quixeron perder esta recepción para celebrar, unha vez máis, os seus logros e compartir este momento especial co Concello.

Durante a súa intervención, o alcalde destacou que “Brais e Xabi representan o mellor do noso deporte: esforzo, paixón e humildade. É unha honra recibilos aquí, na casa de todos os porriñeses, e darlles as grazas por levar o nome do Porriño tan alto”.

Tamén fixo extensiva a felicitación ás súas familias, que os acompañaron tanto na competición como neste acto institucional: “Detrás de cada logro hai horas de sacrificio compartido. Hoxe queremos recoñecer tamén ese apoio fundamental das familias”.

Con só 16 anos, Brais acumula xa un palmarés envexable, no que destacan, ademais deste último título, o bronce en equipos inclusivo no Campionato de España en idade escolar e os ouros en dobres tanto no campionato galego absoluto como no xuvenil.

Agora, tanto Brais como Xabi encaran con ilusión o reto do Campionato de España, onde seguirán defendendo os valores do seu club e do seu concello.