• O deportista foi recibido no Concello en recoñecemento a súa brillante traxectoria e o recente éxito acadado no European Masters Athletics Stadia Championships 2025, celebrado en Madeira

O Porriño, 7 de novembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, recibiron no Concello ao atleta Sergio Rodríguez Teixeira, en recoñecemento á súa destacada traxectoria deportiva e, especialmente, ao recente subcampionato de Europa Máster 35 en 200 metros lisos, conseguido no European Masters Athletics Stadia Championships 2025, celebrado en Madeira (Portugal).

Durante o encontro, o rexedor trasladoulle en nome de toda a veciñanza o orgullo que supón contar cun deportista do seu nivel, que combina a docencia coa competición de elite. “Sergio é un exemplo de superación, disciplina e paixón polo deporte. É un orgullo para o Porriño e para Galicia”, destacou Alejandro Lorenzo.

Rodríguez Teixeira, afincado no Porriño, demostrou unha vez máis o seu excelente estado de forma nunha etapa da carreira deportiva na que o rendemento adoita minguar. O atleta, que tamén é profesor nun instituto de Vigo, logrou o segundo posto cun tempo de 22.34 segundos, cun forte vento contrario de -2 m/s, tras clasificarse para a final cunha marca de 21.95 segundos, a súa mellor no campionato e que ademais supón un novo récord galego M35. Neste sentido, Sergio explica que “as marcas en velocidade están moi influenciadas polo vento, por iso a semifinal foi con mellor tempo porque había menos vento”.

“Competir a este nivel, representando a España e levando o nome da miña terra ata Europa, é unha gran recompensa ao esforzo de todo o ano”, sinalou Rodríguez, quen atribúe a súa “vitalidade deportiva” á constancia no adestramento e ao apoio da súa contorna.

O subcampionato europeo consolida a Sergio Rodríguez Teixeira como un dos referentes do atletismo galego na categoría Máster, reforzando tamén o compromiso do Porriño co deporte. Dende o Concello do Porriño, reitérase o apoio ao deporte en todas as categorías e disciplinas, destacando o valor de deportistas como Sergio, exemplo para as novas xeracións e símbolo do esforzo, a constancia e a paixón que caracterizan á veciñanza porriñesa.