- Canteirá do Porriño Baloncesto Base desde os cinco anos, fixo historia co conxunto español ao impoñerse a Canadá por un axustado 70 a 68 no partido polo terceiro posto.
O Porriño, 24 de xullo de 2025.– A Casa Consistorial do Porriño foi escenario hoxe dunha recepción institucional organizada polo Concello en homenaxe a Paula Salinas, tras o seu recente éxito internacional coa selección española sub-19 de baloncesto, coa que conquistou a medalla de bronce no Mundial celebrado na República Checa.
Paula Salinas, canteirá do Porriño Baloncesto Base desde os cinco anos, e actualmente xogadora do Celta Femxa Zorca, fixo historia co conxunto español ao impoñerse a Canadá por un axustado 70 a 68 no partido polo terceiro posto. A selección española foi, ademais, o único equipo europeo en meterse nas semifinais, nun torneo de altísimo nivel competitivo.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de recibir á xogadora e de felicitala en nome de toda a veciñanza. No seu discurso, o rexedor destacou que “Paula non só é unha gran deportista, senón tamén unha rapaza comprometida, que leva O Porriño no corazón e que nunca perdeu o vínculo coa súa vila. É un orgullo para todas e todos nós ver como unha canteirá chega tan alto grazas ao seu traballo, á súa constancia e á súa paixón polo baloncesto”.
Durante o acto, Paula recibiu unha placa conmemorativa por parte do Concello e mostrouse agradecida polo recoñecemento recibido. Asegurou sentirse emocionada “por todo o apoio que sempre recibín da miña familia, do club, da miña xente, e agora tamén do Concello. É moi especial volver á casa e sentir tanto cariño despois dunha experiencia tan intensa como foi o Mundial”.
No seu percorrido deportivo, Paula Salinas consolídase como unha das promesas máis firmes do baloncesto feminino español. Medalla de prata no Europeo Sub-16 de 2023, foi dúas veces campioa galega júnior, liderou un ascenso á Liga Feminina 2 e foi elixida mellor xogadora galega de formación na tempada 24/25. Integra a dinámica do Celta de Liga 1, con participación en partidos oficiais, e vén de asinar o seu primeiro contrato profesional para xogar en Liga Challenge na 25/26.
Na vindeira tempada, a xogadora porriñesa incorporarase ao Celta Zorka, que competirá na Liga Challenge tras descender esta campaña da Liga Feminina 1.
O acto rematou coa presenza de membros da corporación municipal e familiares da xogadora, que arrouparon a Paula nesta homenaxe. Desde o Concello, reafirmouse o compromiso co deporte base, coa igualdade no deporte e co apoio ao talento local, impulsando políticas que favorezan a continuidade de traxectorias como a de Paula Salinas.