O Porriño, 2 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño gardou hoxe un minuto de silencio en sinal de condena polo presunto asasinato por violencia machista dunha muller de 52 anos, veciña da parroquia de Sanguiñeda, no municipio de Mos.
O acto contou coa presenza de veciños e veciñas, do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, de membros da Corporación municipal, así como de Leopoldo Costas Alonso, tenente de alcalde de Mos, que quixo tamén estar presente.
No acto trasladouse o apoio, respecto e solidariedade do Concello do Porriño á familia e ás persoas achegadas da vítima, así como a condena firme e rotunda de calquera tipo de violencia, e en especial da violencia machista, unha grave lacra social que atenta contra os dereitos fundamentais das mulleres.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “hoxe o Porriño quere mostrar a súa repulsa máis absoluta ante este terrible suceso e expresar o seu apoio á familia da vítima”.
Desde o Concello reafírmase o compromiso coa defensa da vida, da igualdade e da dignidade de todas as persoas, así como coa prevención, sensibilización e erradicación da violencia machista, que non ten cabida na nosa sociedade e que debemos combater desde a unidade, a prevención e a tolerancia cero.

