- O alcalde Alejandro Lorenzo visitou no polígono da Granxa esta compañía punteira no sector das froitas e hortalizas que xa iniciou os trámites legais para a súa expansión
O Porriño, 5 de agosto de 2025.- O crecemento dun proxecto empresarial asentado xa dende hai anos no Porriño é a última das novas no eido da industria e do emprego no municipio do Val da Louriña. Trátase da empresa Eurobanan Galicia SL asentada no polígono da Granxa, a onde se desprazou este martes o alcalde, Alejandro Lorenzo, para coñecer de primeira man o proxecto de ampliación de instalacións e o plan de crecemento que está a levar a cabo esta compañía dedicada á produción, selección, envasado, manufactura, importación, exportación, distribución e comercialización de froitas e hortalizas.
Dende o Concello do Porriño cualifican esta actuación como “un gran exemplo do potencial do noso tecido industrial”, remarcando “o noso compromiso de seguir colaborando e apoiando ás empresas na súa expansión e crecemento, como xeradores de riqueza e de oportunidades de emprego”, sinala o rexedor local. “É un pracer que os empresarios do Concello me conviden ás súas instalacións e sigan apoiándose na administración para lograr ampliacións e novos retos. Este é o camiño para seguir facendo medrar o Porriño”, engadiu.
Durante a visita, os responsables da empresa encabezados polo seu Director Xeral, Rafael Álvarez; o director de Administración, José Carlos Ferreira; a directora de Calidade, Apolonia Abreu; e o director de Chef Maestro, Rubén Álvarez, amosáronlle as instalacións ao rexedor e explicáronlle de maneira máis pormenorizada os traballos de ampliación que se iniciarán previsiblemente antes de finalizar este ano co obxectivo de dar cobertura ao crecemento da demanda de produtos. O plátano de Canarias, con 10 millóns de quilos vendidos en 2024, é sen dúbida a estrela do seu catálogo. Álvarez resaltou o seu posicionamento “cun volume de negocio de preto de 86 millóns de euros en 2024 e un cadro de persoal duns 200 traballadores”.
Lorenzo lembrou que o Concello continúa coas bonificacións para todas aquelas empresas que se instalen ou amplíen as súas instalacións no municipio, “por ser concello emprendedor, como non podería ser doutro xeito, tendo máis de 2.200 empresas e 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial”. O Concello do Porriño reitera deste xeito o seu compromiso co desenvolvemento empresarial e o impulso do emprego de calidade como motor de progreso e benestar para a vila.