- As Charlas de Primeiros Auxilios son de balde para toda a veciñanza e asociacións participantes
- As primeiras sesións celebraranse o 10 de febreiro no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o 26 de febreiro no Centro Cultural de Atios, en horario de 17:00 a 18:30 horas
O Porriño, 4 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, en colaboración con Protección Civil, pon en marcha un programa de formación en primeiros auxilios dirixido á veciñanza e ao tecido asociativo do municipio.
As accións formativas, Charlas de Primeiros Auxilios, comezarán no barrio de Carracido e na parroquia de Atios, co obxectivo de achegar coñecementos básicos e fundamentais para actuar ante situacións de emerxencia no día a día. Nas charlas aprenderase a actuar fronte a paradas cardiorrespiratorias, afogamentos, ictus, cortes e feridas, e queimaduras.
Ademais, estas formacións son totalmente de balde para toda a veciñanza e asociacións participantes. A primeira sesión celebrarase o 10 de febreiro, en horario de 17:00 a 18:30 horas, no Centro Cultural As Mimosas de Carracido. A segunda terá lugar o 26 de febreiro, no Centro Cultural de Atios, mantendo o mesmo horario.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todos os veciños e veciñas a participar: “É fundamental que toda a comunidade saiba como actuar en situacións de emerxencia. Estas charlas son unha oportunidade única para aprender coñecementos que poden salvar vidas. O noso obxectivo é chegar a todas as asociacións, centros culturais, barrios e parroquias do Porriño, coa intención de fomentar unha cidadanía máis preparada, segura e formada en primeiros auxilios”. Esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo que se irá estendendo progresivamente a todas as asociacións culturais das parroquias e barrios do Porriño.
Estas charlas enmárcanse dentro das políticas municipais de promoción da saúde, da seguridade e da participación social, reforzando a colaboración co voluntariado e cos servizos de emerxencia locais, e consolidando a Protección Civil como un piar fundamental na atención á cidadanía.
O Concello anima á veciñanza e ás asociacións culturais, sociais e veciñais a participar nestas xornadas formativas, que contribúen a salvar vidas, e a implicarse activamente na construción dunha comunidade máis responsable e preparada ante calquera situación de emerxencia.

