• O apoio institucional busca reforzar a igualdade de servizos entre o rural e o urbano, ademais de recoñecer o labor altruísta e esencial que desenvolven estas comunidades.

O Porriño, 20 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa veciñanza e co desenvolvemento sostible das súas parroquias e barrios cun investimento histórico de 175.000 euros en subvencións destinadas a todas e cada unha das comunidades de augas do municipio. Esta achega, a máis elevada da historia porriñesa neste eido, supón un respaldo sen precedentes ao traballo das comunidades de augas, entidades fundamentais para garantir o acceso á auga potable e ao saneamento en moitas zonas do rural.

A este esforzo súmase a colaboración da Deputación de Pontevedra, que este ano destinou 70.000 euros adicionais para apoiar a diversas comunidades de augas do Porriño, reforzando así o compromiso das administracións públicas coa xestión comunitaria da auga. Con motivo desta achega, o deputado provincial Javier Tourís visitou onte o noso municipio, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo realizado por estas entidades e os proxectos que recibiron financiamento provincial.

Durante a visita, Tourís destacou o papel crucial que xogan as comunidades de augas como exemplo de organización veciñal e solidariedade, xa que están xestionadas por persoas que traballan de forma totalmente altruísta co único obxectivo de garantir un servizo esencial para o benestar das súas parroquias.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, manifestou a importancia das comunidades de augas no municipio, especialmente nas zonas onde non chega a rede xeral. “As comunidades de augas son unha peza clave para o funcionamento e a calidade de vida en moitas das zonas do Porriño”, afirmou o rexedor. A súa labor abrangue dende a captación e almacenamento da auga ata o mantemento das infraestruturas e o seu correcto tratamento, coidando tamén o medio ambiente e fomentando un uso responsable dos recursos hídricos.

Desde o Concello quérese poñer en valor o papel destas entidades, formadas por veciños e veciñas que, de maneira desinteresada, contribúen a garantir o acceso á auga potable en moitas parroquias. “O traballo incansable das persoas que forman parte destas comunidades é digno de recoñecemento. Son auténticos exemplos de civismo, cooperación e compromiso coa veciñanza”, sinalou Lorenzo.

Neste sentido, o alcalde subliñou a importancia do apoio institucional para garantir a continuidade e mellora destes servizos. “O apoio económico das administracións non é só un recoñecemento merecido, senón tamén unha necesidade para garantir que todas as parroquias do Porriño dispoñan dunha auga de calidade, segura e xestionada de forma eficiente”, concluíu.

Este investimento de 245.000 euros entre o Concello e a Deputación de Pontevedra supón un paso adiante na loita contra o despoboamento, na igualdade de servizos entre o rural e os núcleos urbanos e na posta en valor do traballo colectivo como ferramenta de transformación social.