O Concello do Porriño invertirá máis de 1 M de euros na conexión integral da parroquia de Budiño. Ás obras de extensión da rede no Picouzo, que dará servizo a 29 vivendas e ao colexio, sumaranse as dos barrios de Benunes, Eiriz, Rozadas, e parte da Vacaría e Mantelle.
En total, executaranse 4 km de rede e unhas 100 acometidas, o que permitirá que máis de 300 veciños/as da parroquia dispoñan de conexión a este servizo.
As concellerías de Vías e Obras e Urbanismo contan xa co proxecto e están só a espera das pertinentes autorizacións sectoriais, xa solicitadas, para proceder á licitación destes traballos.
A inversión para levar a cabo estas actuacións ascende a 538.529 euros no caso de Benunes e 345.000 no de Sobral Eiriz.
“Trátase dun dos proxectos de saneamento máis importantes, non só pola inversión que require senón polo número de vivendas que abastecerá. O noso compromiso coa execución do saneamento integral é firme, na parroquia de Budiño e en todas as parroquias do municipio, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Traballamos para axilizar todos os trámites e axilizar a nosa folla de ruta todo o posible, sabemos cales son as necesidades, temos os proxectos e sabemos da urxencia que teñen para a veciñanza. Por iso son e serán sempre prioritarios”.
Unha vez rematen estas obras estará conectado o 90% da parroquia de Budiño, quedando só por executar tres proxectos xa redactados que beneficiarán a 180 veciños máis: o da Arrotea, cun orzamento de 180.000 euros, o do Cerquido con 80.000 euros e en Rega da Lama por 80.000 euros.