O campo de fútbol do Carballo en Atios contará nos vindeiros meses cun novo sistema de iluminación. O Concello do Porriño vén de tramitar un convenio de cooperación coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para sufragar os gastos desta actuación que conta un orzamento base de licitación de 46.126,53 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará 36.901,22 euros e a administración local aportará os 9.225,31 euros restantes de fondos propios.
“O proxecto suporá a mellora da iluminación da zona de xogo deste campo de fútbol, na parroquia de Atios, dando así resposta a unha demanda do club UD Atios”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. “Unha actuación, esta, que se suma a outras moitas que dende o concello promovemos para colaborar con todos os clubs, atendendo na medida do posible ás súas necesidades”, remarca o concelleiro de Deportes, Abel Estévez.
As obras teñen un prazo de execución de oito semanas. Desmontaranse as luminarias existentes e colocaranse as novas, consistentes nun proxector de alto rendemento deseñado para aplicacións industriais e deportivas, con óptimo deseño para disipación de calor e redución de deslumbramento.