O Porriño, 25 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño acolleu esta mañá un emotivo acto institucional no que se formalizou o irmandamento entre os concellos do Porriño e Ribadeo, unidos pola figura de Ramón González (1856–1925), filántropo galego cuxo legado marcou profundamente a vida social, cultural e patrimonial de ambas vilas.
O acto comezou coa recepción das autoridades na Casa Consistorial do Porriño, que sorprenderon na súa chegada caracterizados de indianos, e coa interpretación do Himno Galego. A continuación, tiveron lugar as intervencións institucionais, nas que participaron Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Daniel Vega, alcalde de Ribadeo; Vanessa Ucha, concelleira de Turismo do Concello do Porriño; e Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura do Concello de Ribadeo. Tamén interviron descendentes de Ramón González, que emocionaron aos asistentes lembrando a traxectoria humana e solidaria do seu devanceiro.
Un legado entre dúas vilas
Ramón González naceu en Ribadeo e emigrou moi novo á Arxentina, onde fixo fortuna como comerciante en Rosario de Santa Fe. Membro activo de entidades culturais e financeiras, regresou a Galicia a comezos do século XX e estableceuse no Porriño, vila natal da súa esposa, Corona González Santos. Desde alí desenvolveu unha intensa actividade filantrópica que se materializou na financiación da igrexa parroquial do Porriño, inaugurada en 1913, na construción da Casa Consistorial deseñada polo arquitecto Antonio Palacios, e tamén en doazóns destinadas ao campo de fútbol, escolas e entidades culturais. A súa xenerosidade estendeuse igualmente á súa vila natal, Ribadeo, onde contribuíu á creación de infraestruturas educativas, culturais e sociais, como o teatro, a praza de abastos e o apoio ao Ateneo local.
Un irmandamento con visión de futuro
Durante as intervencións do acto de Irmandamento destacouse o valor do legado indiano e o potencial turístico e patrimonial que representa para ambas vilas. O Alcalde do Porriño subliñou que este irmandamento simboliza algo máis ca unha relación institucional: representa un vínculo entre dúas comunidades que comparten historia, valores e unha visión común de futuro.
Alejandro Lorenzo declarou: “Un día especial, hoxe abrimos unha porta simbólica entre dúas vilas. Hoxe celebramos o irmandamento entre O Porriño e Ribadeo e facémolo da man dun home que soubo tender pontes antes ca ninguén, Ramón González Fernández”. O rexedor engadiu que “cando fixo falta construir o Concello, puxos mans á obra literalmentee pagou todo cos seus aforros”. Lorenzo quixo compartir unha anécdota coas persoas presentes: “Cando chegou o busto de Ramón González ao Porriño, que debía render homenaxe ao noso benfeitor, quedou tirado na estación, sen que ninguén o recollera. Dous bandos rifaban por dicir que eran os que máis o querían e, mentres tanto, o busto seguía alí, abandonado, a piques de ser subastado en Vigo… Un esperpento, como dicía Valle-Inclán.”
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou a importancia de poñer en valor figuras como a de Ramón González, exemplo de entrega desinteresada ao progreso das súas comunidades: “Gustaríame destacar a entrega, a filantropía e o bo facer de Ramón González, que tanto beneficiaron aos pobos do Porriño e de Ribadeo. Foi un home adiantado ao seu tempo e comprometido coa mellora da sociedade. Reivindicar a súa figura era unha débeda pendente, e foi precisamente esa filantropía, ese xeito de entender o ben común por riba dos intereses persoais, o que nos levou a pensar na homenaxe”.
Unha xornada de celebración
O acto completouse coa proxección dun vídeo conmemorativo polo décimo aniversario do festival Ribadeo Indiano, unha actuación musical e unha degustación de callos para os asistentes como colofón dunha xornada marcada pola historia, a emoción e a convivencia.
Este irmandamento entre O Porriño e Ribadeo representa un compromiso firme por reforzar a colaboración cultural, turística e institucional entre ambas vilas, sustentado na memoria compartida e no exemplo das persoas que entenderon que traballar polo ben común é o maior legado que se pode deixar ás futuras xeracións.