Os veciños e veciñas do Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido. Será o sábado, 26 de febreiro, cando se celebre o I Desfile Conxunto de Entroido entre ambos concellos no que participarán 16 comparsas, 8 de cada municipio.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe a que será a segunda actividade conxunta entre os dous Concellos.
“Un evento que non é o primeiro, nin será o último que fagamos xuntos”, indicou Lorenzo, “Para min é un pracer e un orgullo que dous pobos limítrofes, irmáns e que facemos vida común no noso día a día, disfrutemos de novo dun acto conxunto”. O alcalde animou á veciñanza a participar deste desfile que “se desenvolverá cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitarias” e animou ”a todos os/as porriñeses/as e a todos os/as mosenses a disfrutar desta xornada de festa e reencontros”.
No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, quen destacou que se trata de dous concellos “que conviven no comercial, no ocio, no cultural…. e que estamos obrigados a entendernos”. Arévalo quixo poñer en valor o entendemento e a boa disposición que supón colaborar en actividades que son o eixo da actividade cultural de ambos municipios e “moitas veces coinciden o mesmo día á mesma hora, algo que non se entende. Estou segura de que os cidadáns de Mos e do Porriño están aplaudindo de poder disfrutar xuntos deste Entroido”.
Os representantes municipais agradeceron o labor indispensable que realiza a Policía Local e os voluntarios/as de Protección Civil dos dous concellos, sen os que sería imposible organizar este evento.
Indicaron ademais que cada concello mantén a súa programación habitual, a maiores do desfile conxunto do sábado.