- Concello e Xunta presentan o libro “Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios” de Diego Giráldez e MeliMolita
O Porriño, 10 de setembro de 2025.- Antonio Palacios viaxa en tren de Madrid a Galicia na última etapa da súa vida, acompañado pola súa parella, Adela Ramírez. O arquitecto leva varios cadernos de debuxo que lle farán rememorar lembranzas da súa vida e da súa traxectoria profesional. Son unha segunda pel enchida de tatuaxes da que o escritor, Diego Giráldez, se vale para achegar a figura de Palacios dun xeito distinto e inédito ata o de agora. Así se dá a coñecer o libro “Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios”, que foi presentado esta tarde nun acto público no Concello do Porriño que contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; o director Xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o seu autor Diego Giráldez e o director de Edicións de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro.
Este libro ilustrado, editado polo Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, “é unha maneira singular de achegarnos á figura de Antonio Palacios, no que non só se recolle a súa vida e obra, senón que a reimaxina, dándolle novas capas de significado. Como alcalde, síntome profundamente orgulloso de que a nosa vila continúe reivindicando a memoria deste xenio da arquitectura, cuxo talento segue inspirando xeracións de creadores e amantes da beleza. Esta publicación é un tributo ao seu legado, un recordatorio de que as súas pegadas seguen vivas nos espazos que ideou e nos soños que construíu”, explicou o alcalde durante o acto de presentación.
Na mesma liña falou o autor Diego Giráldez, “construír este libro foi moi ilusionante. Ao meu xeito de ver, representa unha maneira diferente e inédita ata o de agora de achegarse á figura de Palacios. É un traballo que, mantendo o rigor histórico, é máis divulgativo, máis emocional e creativo. Recoñezo que non foi doado darlle forma a toda a documentación que veño acumulando dende hai moitos anos sobre o arquitecto para facer algo así, pero por iso o proxecto foi emocionante dende o principio. Ademais, vai acompañado das ilustracións de MeliMolita, para min unha das mellores ilustradoras galegas, que soubo inspirarse nos propios cadernos de campo de Palacios e respectar a paixón que o artista porriñés amosaba pola pintura e o debuxo”. E é que a través da ficción, pero tamén dun rigoroso traballo histórico e documental, e apoiándose nas ilustracións de MeliMolita, este libro descubre ao artista porriñés dende unha perspectiva máis emotiva e divulgativa.
O alcalde rematou agradecendo ás persoas que fixeron posible este proxecto e a quen, “con curiosidade e admiración, se achegue a estas páxinas para descubrir ou redescubrir a Antonio Palacios. Agardo que este libro sexa unha ponte entre o seu legado e o noso tempo, entre a súa imaxinación e o noso devir”.