- A feira conta con máis de corenta actividades previstas, entre as que se inclúen sinaturas de libros, contacontos, espectáculos, música e obradoiros.
O Porriño, 29 de maio de 2025.- O barrio de San Bieito volve ser nestes días o epicentro da lectura en Galicia coa celebración da Feira do Libro 2025, que se prolongará ata o domingo, 1 de xuño, baixo o lema deste ano: “Onde florecen os libros”. A feira consolídase así como un evento clave no calendario cultural da comarca, cunha programación diversa, inclusiva e pensada para todos os públicos.
A apertura deu comezo cunha actuación das Pandereteiras Pande Atios da Asociación Cultural Os Penediños de Atios que precedeu a intervención das autoridades alí presentes. O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a cultura é un piar esencial da nosa identidade como vila. Sigamos fomentando a lectura, os encontros culturais e a defensa do libro como ferramenta de crecemento colectivo”.
Durante o acto inaugural, a Secretaria da Federación de Librarías de Galicia, Celia Fernández, subliñou que “o lema Onde florecen os libros non é só un lema, tamén é unha promesa” e agradeceu ao Concello do Porriño “o seu compromiso constante coa cultura e co libro, especialmente nestes tempos nos que é tan necesario crear espazos de encontro arredor da palabra escrita”.
O Deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, salientou que “a industria do libro é un pulo e un motor económico para toda Galicia e para toda a provincia”, defendendo o apoio instiucional como clave para fortalecer o sector editorial e libraría.
Pola súa parte, o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, apuntou que “neste espazo xuntamos máis de 40 actividades ata o domingo”. “Esta é a primeira feira do libro que se fai das catro que apoiamos na provincia de Pontevedra”, engadiu.
O pregón inaugural correu a cargo do poeta Samuel Merino, quen destacou o papel do libro como ferramenta de liberdade, idenOdade e encontro social. O seu discurso, cheo de sensibilidade e reflexións sobre o valor da palabra escrita, culminou con poema. Finalizado o acto, as autoridades acompañaron o pregoeiro nun percorrido polas casetas da feira, nun xesto de apoio ao sector libreiro e de proximidade á cidadanía.
A feira conta coa participación de seis librarías galegas —Copi-Rey, Paz, Uróboros, Porto, Pedreira e Cartabón— e con máis de corenta actividades previstas, entre as que se inclúen sinaturas de libros, contacontos, espectáculos, música e obradoiros. A proposta reafirma o compromiso do Porriño coa cultura accesible e participativa.
Para máis información e para acceder a programación completa da Feira do Libro, pódese consultar a web do Concello. O Porriño reafírmase un ano máis como referente cultural, abrindo as portas da lectura a toda a cidadanía.