- A xornada contará coa actuación da Orquestra París de Noia, as rondallas, actividades infantís, sesións DJ, uvas, cotillón e chocolate quente gratis
O Porriño, 22 de decembro de 2025. – O Porriño despedirá o ano 2025 de maneira anticipada cunha gran xornada festiva dirixida a toda a veciñanza, que se celebrará o vindeiro 30 de decembro. Trátase dunha cita xa consolidada no calendario cultural e de lecer do municipio, organizada polo Concello e pensada para todos os públicos.
A programación arrancará pola mañá, ás 11:00 horas, cunha festa infantil na carpa do Parque do Cristo, onde a cativada será a gran protagonista. Os nenos e nenas poderán celebrar o seu propio Pre-fin de Ano co grupo de música infantil Mamá Cabra con xogos, animación e un pasarrúas protagonizado por personaxes infantís, creando un ambiente festivo e familiar desde primeiras horas do día.
Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas, terá lugar o pasarrúas das tres rondallas —a Rondalla de Santa María do Porriño, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla Cultural Musical de Pontellas—, que percorrerán as rúas do centro da vila, enchendo O Porriño de música tradicional e espírito festivo.
A celebración central dará comezo ás 21:30 horas, cunha gran festa de Pre-fin de Ano que incluirá actuacións musicais, repartición de uvas, cotillón e chocolate quente de balde para todas as persoas asistentes.
A noite continuará coas doce badaladas que volverán soar a medianoite, cunha sesión DJ a cargo de Dumore e Groove Amigos e coa actuación da Orquestra París de Noia, completando unha proposta musical pensada para todos os gustos. O escenario principal da xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.
“Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas que se acheguen dende fóra, a participar nesta celebración colectiva coa que festexamos, de maneira anticipada, o remate do ano 2025 e a benvida ao novo ano. É unha cita que xa se converteu nunha tradición no Porriño”, sinala o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen asegura ademais que este evento continuará formando parte do calendario festivo e cultural do municipio.

