• A vila acolle hoxe, Día Mundial do Alzhéimer, a CAE Interrunning, o festival de música urbana SummerSon Jam, a foodtruck de “Galicia Sabe Amar” e o espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”

O Porriño, 21 de setembro de 2025.-  O Porriño viviu esta mañá unha auténtica festa do deporte coa celebración da CAE Interrunning, que reuniu a 2.000 participantes de todas as idades nas rúas do centro urbano. A proba, que combinou a XIV Interrunning e a III Carreira de Empresas de Galicia, reafirmouse como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego, cun forte compoñente solidario en apoio á Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga, coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, motivo polo cal tamén a casa do Concello alumearase este serán de cor verde.

A competición comezou coa tradicional Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, seguida das carreiras de 5K e 10K, que deixaron grandes momentos de emoción e esforzo. Os gañadores desta edición foron:

  • 5K masculino: Anxo Otero Amoedo
  • 5K feminino: Julia Vaquero Sousa 
  • 10K masculino: Alejandro Fernández Rivera 
  • 10K feminino: Uxía Pérez Bugarín

Tamén houbo espazo para os máis pequenos, cos tradicionais percorridos Pitufos e Chupetes, nos que participou unha ampla representación infantil nun ambiente festivo e familiar. 

O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a  estas tres entidades sen ánimo de lucro. A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia. Aproveito para agradecer á organización e a todos e todas as voluntarias polo seu traballo incansable para que isto fora posible, aos participantes e a todas as persoas que se achegaron hoxe ao Porriño”.

Trala entrega de premios, celebrouse a “after run party”, aberta a todo o público, cunha combinación de música, sorteos, regalos e gastronomía, grazas á presenza da foodtruck de “Galicia Sabe Amar”, que ofreceu degustacións de peixe e marisco galego durante toda a mañá.

A actividade non remata aquí. A programación continúa ao longo do día con propostas para todos os públicos. O festival de cultura urbana SummerSon Jam ofreceu esta mañá un workshop de hip hop impartido pola recoñecida bailarina francesa Lindsay Badnes e a competición de beginners e pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar a batalla de baile da categoría advanced.  Namentres, as 19.30 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. E o concerto de Law, enmarcado na SummerSon Jam, ás 20.30 horas poñerá o broche de ouro á xornada e a esta fin de semana festiva, antesala, da semana grande das Festas do Cristo.