• Concello saca a licitación o proxecto de reforma da planta baixa do centro cultural a través do cal se acondicionará o antigo auditorio con tecnoloxía de última xeración para acoller as estreas da carteleira do país
  • Os traballos supoñen unha inversión de máis de 250.000 euros, subvencionados pola Deputación de Pontevedra, e previamente xa se adquiriu o equipamento de imaxe e son por importe de preto de 100.000 euros

O Porriño, 13 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño acollerá a única sala de cine municipal da comarca e das poucas que hai en toda Galicia. Para elo, saca a licitación o proxecto de reforma interior do auditorio do centro cultural, que se dotará de tecnoloxía de última xeración e contará cun capacidade para 170 butacas.

Esta intervención suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio, centrada nos espazos de auditorio, escenario e camerinos, que serán redistribuídos para dar lugar a unha sala versátil, adaptada tanto á proxección cinematográfica como á celebración de congresos, conferencias ou charlas.

 “Esta nova sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia audiovisual de primeiro nivel”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, indicando que se trata de algo moi demandado, “especialmente polos nenos e nenas do Porriño, é que son moitas as veces que me paran pola rúa para preguntarme cando vai haber cine no pobo, e por fin podemos dicir que ese soño se vai facer realidade. É unha alegría enorme poder cumprir cunha petición tan sentida pola veciñanza máis nova, que agora poderá gozar do cine sen ter que desprazarse fóra do concello”

O proxecto céntrase fundamentalmente en catro actuacións: proponse unha redistribución dos espazos eliminando a zona de escenario elevado e camerinos traseiros, de manque que o espazo dedicado a sala de avance ata o fondo do edificio; a mellora das características estéticas e acústicas a través da realización dun trasdosado en paredes onde se dispón illamento acústico e un acabado de madeira; renovación das butacas existentes, colocando tres modelos distintos para adaptar o auditorio a diferentes usos, de maneira que ademais de como sala de proxección de películas se poida empregar tamén para a celebración de conferencias e charlas e, por último, ao ser renovada a instalación de climatización e ventilación recentemente, o proxecto céntrase neste aspecto na colocación de novas luminarias adaptadas aos novos espazos e novas instalacións de son.

O proxecto conta cun orzamento 251.739,60 euros, financiado ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e cun prazo de execución de seis meses unha vez adxudicadas as obras.

 

Pantalla xigante de 5×3 metros

A contratación de subministro e instalación de equipamento audiovisual para a modernización do auditorio municipal xa se levou a cabo. Foron preto de 100.000 euros os investidos na adquisición deste equipo, adaptado aos requirimentos técnicos esixidos para a proxección de estreas de cine, e que contou cunha subvención por parte da AGDIC da Xunta de Galicia.

Neste equipamento inclúese un proxector dixital profesional de última xeración con tecnoloxía DLP (Digital Light Processing) Cinema e unha óptica zoom DLP Cinema, a mesma tecnoloxía empregada nas salas de cine convencionais; un servidor; un dispositivo de almacenamento  que incorpora catro discos duros cunha capacidade bruta total de 16TB; a pantalla eléctrica con proxección con sistema de tiro directo de medidas 5 x 3 metros e o equipamento de son que conta cun procesador para son cinematográfico Dolby 5.1 e 7.1 e outras particularidades técnicas de última xeración.

 

“Este proxecto non só é unha aposta pola cultura, senón tamén polo dinamismo económico e o atractivo do noso concello. O Porriño contará coa única sala de cine municipal da comarca, unha infraestrutura pública pioneira en Galicia que colocará á nosa vila no mapa cultural da nosa Comunidade. Será un espazo moderno, acolledor e tecnoloxicamente preparado para ofrecer programación de calidade durante todo o ano. É unha gran noticia para a veciñanza e tamén para atraer visitantes doutros municipios”, conclúe o alcalde.