O Porriño, 11 de xullo de 2025.– Onte arrancaron as Festas de San Bieito cunha noite de baile e troula grazas á actuación da Orquestra Gran Parada e a Mano de Santo DJ Festival, que reuniron a centos de persoas e deron comezo a unha celebración moi agardada pola veciñanza.
Pero hoxe é o día grande, e o barrio de San Bieito espertou envolto en emoción e orgullo. A mañá comezou ás 9:00 h cunha misa na Capela de San Bieito e, xa ás 12:00 h, celebrouse a misa solemne na Igrexa de Santa María, coa participación da Coral da Escola Municipal de Música. A continuación, a procesión percorreu os barrios de San Bieito e San Sebastián, acompañada pola Banda da Escola Municipal de Música.
Un dos momentos máis agardados foi a tradicional subasta benéfica do racimo de uvas do Santo, que volveu contar con moita participación e piques entre os asistentes. Este ano, os 635 euros recadados van destinados íntegramente á AECC (Asociación Española Contra o Cancro) do Porriño, facendo que esta tradición se transforme tamén nun acto de solidariedade.
A programación continúa e pola tarde, ás 19:30 h, terá lugar a actuación do grupo Os Zoqueiros. Ás 20:00 h celebrarase a misa vespertina na Igrexa de Santa María. Xa pola noite, a partir das 21:30 h, a festa seguirá coa Orquestra Los Player’s e o concerto do recoñecido artista Roi Casal, que ofrecerá un espectáculo para todos os públicos.
As novenas, que se viñeron celebrando desde o 2 de xullo, tamén chegan hoxe ao seu final cunha última sesión ás 20:00 h.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, anima a todos e todas a participar: “Estas festas de San Bieito son un reflexo do mellor do Porriño: tradición, alegría, familia e participación. A xente enche as rúas con ilusión e iso é o que fai máxica esta celebración”. Ademais, quixo agradecer de forma especial a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, así como a de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.
Desde o Concello do Porriño, convidamos a todo o mundo a seguir desfrutando desta festa que nos une e nos representa.