- A Travesía Domingo Bueno, no tramo que vai dende a Rúa Fernández Areal ata Avenida Domingo Bueno, xa é a “Rúa Juaniña”
O Porriño, 7 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta mañá unha homenaxe moi especial a unha das súas veciñas máis queridas e lonxevas, Juana da Cruz —Juaniña, como é coñecida por todos— que cumpre hoxe 100 anos. Con motivo do seu centenario, o Alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo sorprender a Juaniña cun recoñecemento que permanecerá para sempre: a rúa onde vive pasará a chamarse Rúa Juaniña. “Ti es pasado do Porriño, es presente, pero serás moito futuro tamén do Porriño”, díxolle o rexedor a Juaniña antes de que se descubrira a placa.
O acto comezou cun emotivo pasillo formado por veciños e familiares, seguido do Himno Galego interpretado pola banda de gaitas e percusión Os Zoqueiros, e a descuberta da nova placa que bautiza oficialmente a rúa co nome de Juaniña. Este foi un momento especialmente emotivo para a homenaxeada, que ata se animou a cantar. O alcalde entregoulle un ramo de flores como mostra de admiración e cariño. “Toda a miña vida quixen moitísimo a todo Porriño”, afirmou Juaniña. A homenaxe continuou cunha festa, onde non faltaron os pinchos nin as apertas compartidas coa súa familia e amizades.
Un século de historia, elegancia e talento
A historia de Juaniña está fondamente ligada á do Porriño. Viviu a Segunda República, a Guerra Civil e a ditadura, e foi testemuña directa da transformación da vila. A súa figura tamén está ligada ao tranvía que unía o Porriño con Vigo, onde acudía acompañada das súas clientas para mercar tecidos e ver in situ como lles caían os vestidos.
Costureira excepcional, foi quen de replicar traxes icónicos como o de Lady Di ou o da Raíña Fabiola. Na súa sala de costura nunca faltaban revistas de moda internacional, e tiña a habilidade de reproducir os deseños de Chanel, Dior, Valentino ou Versace. A súa elegancia continúa intacta: segue a confeccionar a súa propia roupa.
O alcalde, durante o acto, dirixiu unhas palabras que mesturaron orgullo, afecto e recoñecemento:
“Celebramos os 100 anos dunha veciña que non só viviu a historia do Porriño, senón que axudou a construíla. Juaniña é un exemplo de traballo, de elegancia, de superación. É desas persoas que fan grande unha vila co seu saber facer e o seu trato cercano. Para min é unha honra como alcalde, pero tamén como veciño, poder dicir que temos unha rúa que leva o seu nome. É un xesto pequeno en comparación co que ela representa para todos nós. O Porriño está orgulloso de ti, Juaniña, e hoxe deixámolo escrito nunha placa, pero tamén na memoria de todos nós”.
O Concello do Porriño quere agradecerlle a Juaniña o seu exemplo de vida, traballo e estilo, e a través da nova Rúa Juaniña manter viva a memoria dunha muller que representa o mellor da nosa vila.
Este nomeamento non é só simbólico: o cambio de nome á rúa foi aprobado no Pleno da Corporación Municipal do pasado mes de maio, tras ser unha proposta tratada nunha comisión especifica. Unha rúa que identifica á muller e impulsa o feminismo no Concello. Concretamente será a Travesía Domingo Bueno, no tramo que vai dende a Rúa Fernández Areal ata Avenida Domingo Bueno, a que dende hoxe xa é a “Rúa Juaniña”.