Con motivo da celebración do Día Europeo da Información Xuvenil este 17 de abril, o Concello do Porriño súmase á campaña promovida pola Axencia Europea de Información e Asesoramento Xuvenil (ERYICA) baixo o lema #EYID25 – #domino_a_IA, co obxectivo de fomentar entre a mocidade un uso crítico, responsable e creativo da intelixencia artificial, sen esquecer o enfoque humano e educativo dos servizos de información xuvenil.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño, integrada na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, xoga un papel clave na promoción de recursos e servizos que permiten á mocidade tomar decisións informadas sobre a súa educación, emprego, saúde e participación na sociedade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de dar visibilidade a este tipo de iniciativas:  “Temos a responsabilidade de garantir que os nosos mozos e mozas conten cun acceso real a información que lles permita avanzar con seguridade nas súas decisións vitais. Dende o Concello do Porriño continuaremos apoiando servizos como a OMIX, que son unha ferramenta esencial para o desenvolvemento persoal e profesional da nosa xuventude”

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, puxo o foco na actualidade da campaña deste ano e no traballo que se desenvolve desde a OMIX:  “Esta campaña de @_eryica axudará a entender tanto os beneficios como os riscos da IA, para que a nosa mocidade poida tomar o control de como configurar o seu mundo. É tamén unha ocasión especial para recoñecer o labor dos traballadores e traballadoras da información xuvenil, que cada día fan posible un acceso á información de forma accesible e personalizada.”

A OMIX do Porriño ofrece asesoramento e información sobre temas como emprego, vivenda, voluntariado, actividades culturais e deportivas, programas e campañas xuvenís, viaxes, carné xove, e moito máis. Conta cun servizo de atención individualizada tanto presencial como por teléfono e correo electrónico, ademais de manter actualizados espazos informativos físicos con documentación de interese. Ademais, estase a traballar na posta en marcha dun novo programa de actividades pensado especialmente para a mocidade do Porriño, que incluirá obradoiros, encontros, formacións e propostas de lecer adaptadas aos seus intereses actuais.

Desde o Concello anímase á mocidade a seguir as redes sociais e participar activamente na celebración desta efeméride empregando os cancelos #EYID25 e #OwnTheAI, sumándose á conversa europea sobre o papel da intelixencia artificial nas súas vidas e no futuro da información xuvenil.

VÍDEO OMIX 2025