• Será o vindeiro sábado, 11 de outubro, a partir das 11.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Haberá un showcooking de Coque Fariña, degustacións, un obradoiro infantil de elaboración de pan e actuacións musicais
  • O alcalde Alejandro Lorenzo destaca o valor do Pan do Porriño como símbolo de identidade e motor económico local

O Porriño, 7 de outubro de 2025.-  A Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o vindeiro sábado, 11 de outubro, unha nova edición da Feira do Pan do Porriño, unha cita xa consolidada no calendario gastronómico galego que combina tradición, cultura e turismo, e que cada ano enche as rúas da vila de visitantes desexosos de degustar o auténtico Pan do Porriño, un produto con máis de catro séculos de historia.

“O Pan do Porriño non é só un produto, é parte da nosa historia e da nosa forma de entender a vida. Representa o esforzo dos nosos panadeiros, o valor do traballo artesanal e o sabor da tradición. Queremos que esta feira siga medrando e que cada vez máis persoas descubran todo o que O Porriño pode ofrecer”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, no acto de presentación esta tarde acompañado da concelleira Antía Carrera e dunha representación do sector panadeiro da vila.

Organizado polo Concello do Porriño coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Asociación de Panadeiros do Porriño, o evento busca poñer en valor os produtos locais e destacar a importancia do turismo gastronómico como motor de promoción e desenvolvemento económico para o municipio. O rexedor destacou “a importancia de seguir apostando pola promoción dos nosos produtos de calidade, que son auténticos embaixadores do Porriño e de Galicia máis alá das nosas fronteiras”.

A feira abrirase ás 11.00 horas e celebrarase ao longo de todo o día, onde estará aberto un posto de venda de Pan do Porriño, no que se poderá adquirir a tradicional bola de Pan do Porriño. A Asociación de Panadeiros, colaboradora esencial da feira, ofrecerá ao público unha ampla mostra do seu traballo artesanal e divulgará o proceso de elaboración dun produto que combina historia, calidade e sabor. A súa presenza reforza a esencia da feira e o compromiso do sector coa promoción gastronómica e turística da vila.

Trala inauguración a cargo do alcalde, a programación abrirase coa actuación de música e baile tradicional, “Regueifa”, da Asociación Cultural Sadeo, e, a continuación showcooking con degustación de receitas elaboradas con Pan do Porriño a cargo da recoñecida cociñeira Coque Fariña (@mi_coquetería).

A partir das 13.30 horas celebrarase a tradicional feira e xantar popular de polbo e porco ao espeto, amenizada polo DJ Mus, e ás 17.00 horas realizarase un obradoiro infantil “Peque Pan”, pensado para que os máis pequenos da casa aprendan de forma divertida o proceso de elaboración do pan.

A partir das 18:30 horas, o público poderá gozar da degustación “Experiencias de Calidade”, con embutidos e queixos con Denominación de Orixe de Galicia, a cargo de Salomé Beiroa, unha actividade patrocinada por AGACAL.

A feira pechará coa actuación musical do grupo La Patrulla, que porá o broche final a unha xornada dedicada á calidade, á tradición e ao orgullo de ser do Porriño.

 “Con eventos como este reforzamos a nosa identidade e proxectamos O Porriño como un destino que sabe a tradición, hospitalidade e boa mesa”, concluíu o alcalde.