O Concello do Porriño celebrou este domingo a presentación do Club Ciclista Louriña con motivo do seu décimo aniversario. A entidade, que naceu fai dez anos cun obxectivo moi claro: formar a ciclistas e ofrecerlles todas as ferramentas fundamentais para que poidan desenvolverse neste deporte, continúa a consolidarse como un referente no ciclismo galego e nacional.

O club conta actualmente con 150 licenzas e estrutúrase en cinco categorías: feminino, masculino, adaptado, escolas e master. Nas tres primeiras sitúase entre os dez primeiros dos seus respectivos ránkings: o equipo masculino é sexto, o feminino oitavo e o adaptado segundo. Ademais, é o único club galego cun equipo oficial na Copa de España en ambas categorías, tanto feminina como masculina.

Durante o acto, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o traballo exemplar do club e a súa contribución ao deporte local. “O Club Ciclista Louriña é un orgullo para O Porriño. Non só polos seus éxitos deportivos, senón tamén pola súa aposta pola formación da base, creando unha canteira sólida e comprometida. Desde o Concello continuaremos a ofrecer todo o noso apoio para que sigan acadando novos éxitos”, declarou Lorenzo.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, subliñou a importancia de contar cun club desta relevancia na vila. “O Louriña é un exemplo de esforzo, dedicación e profesionalidade. É admirable o traballo que realizan con todas as categorías, especialmente coa súa nova Escola Louriña, que permite que os máis pequenos e pequenas teñan unha primeira toma de contacto co ciclismo nun entorno seguro e formativo”, afirmou Estévez.

O Club Ciclista Louriña destacou nos últimos anos por ser o club de Galicia con máis campións galegos na categoría élite-sub 23. Ademais, foi o único na historia galega en acadar o título tanto en masculino como en feminino no mesmo ano, concretamente no 2023.

Este ano, a entidade decidiu reforzar o seu compromiso coa base coa creación da Escola Louriña, onde dous monitores traballan semanalmente, os martes e xoves, co obxectivo de formar aos futuros ciclistas da comarca.

Ademais do labor deportivo, o Louriña tamén actúa como organizador de probas de relevancia nacional como a Xarotos Gran Fondo, a Nocturna, a Challenge As Rías Baixas, o Gran Premio Concello do Porriño e o Trofeo Horacio Barros – O Porriño o Noso Encontro.

Grazas ao apoio de institucións como o Concello do Porriño, o club procura ofrecer os mellores medios para que os seus ciclistas poidan dar o salto ao profesionalismo. Un exemplo diso é a deportista americana Allison Mugral, que comezou no Louriña e conseguiu dar o salto ao ciclismo profesional.

O equipo feminino do club disputou dúas carreiras esta fin de semana da copa de España, o sábado en Betanzos e o domingo en Pontevedra, onde conseguiron por primeria vez na historia en Galicia, que un club galego de ciclismo ganase a xeral dunha proba Copa de España femenino coa bielorrusa Alina Abramenka, ademais de conseguir as metas volantes coa campioa rusa de pista Maria Rostovtseva.