- Parques renovados, mellora da accesibilidade, actividades inclusivas, zonas verdes e con sombra, carrís bicis, unha piscina ao aire libre e unha biblioteca móbil foron algunhas das propostas presentadas polo alumnado dos centros educativos do municipio nunha sesión plenaria especial
- O alcalde Alejandro Lorenzo aseguroulles que “escoitamos todo o que propoñedes; moitas destas ideas xa forman parte do noso traballo diario e outras tomámolas como compromisos para seguir mellorando O Porriño entre todos e conseguir un Concello mais verde, mais sostible, accesible e inclusivo
- O Concello conmemora deste xeito o Día Mundial da Infancia, iluminando de cor azul a fachada da Casa Consistorial e apoiando unha carreira contra e leucemia infantil
O Porriño, 20 de novembro de 2025.- O salón de plenos do Concello do Porriño transformouse esta mañá nun espazo diferente: as butacas ocupáronas voces novas, participación activa e moita ilusión por formar parte da vida municipal. No Día Mundial da Infancia, foi o alumnado dos centros escolares quen marcou o rumbo, converténdose en concelleiros e concelleiras por un día para explicar como queren que sexa o Porriño do futuro.
A sesión estivo dirixida polo alcalde Alejandro Lorenzo que explicou que “este pleno infantil é unha mostra de que a participación non ten idade. É unha satisfacción ver tanta implicación na vida do noso municipio”. Como secretaria actuou a concelleira de Educación, Carolina González, e como interventora a concelleira de Infancia, Ana Isabel Alonso, que agradeceron aos escolares e ao seu profesorado a implicación nesta e noutras actividades organizadas dende o Concello. Foron unha vintena de participantes os que se subiron ao estrado, dous estudantes en representación de cada un dos colexios: Budiño, Atios, Santo Tomás, Aceesca, Ribeira, Antonio Palacios, Fernández López e Hermanos Quiroga e os institutos Ribeira do Louro e Pino Manso. Ao igual que na celebración de calquera outro pleno, as propostas votáronse e, por suposto, contaron co respaldo unánime.
Entre propostas, ilusión e responsabilidade, a rapazada coincidiu, ademais de en melloras nos seus propios centros, en aspectos para mellorar o municipio como pode ser a accesibilidade e inclusión, con máis espazos adaptados, como parques e actividades e campamentos de conciliación onde todos teñan cabida; máis zonas verdes e con sombras; mobilidade sostible a través da creación de carrís bici e liña de transporte que una as zonas rurais co casco urbano; instalacións deportivas e de ocio: canchas de baloncesto, pista de patinaxe e, sobre todo, unha piscina ao aire libre. A creación dun centro xuvenil ou unha biblioteca móbil que percorra tódalas parroquias foron as propostas máis destacada no ámbito cultural, cun novo auditorio e sala de cine, que serán xa pronto unha realidade. Neste aspecto, solicitan actividades interxeracional, poñendo de exemplos sesións de contacontos con avós. Baños públicos, máis iluminación e seguridade con outras das peticións formuladas.
“A vosa voz é imprescindible. Cando a infancia fala, o Concello aprende, mellora e avanza. Hoxe deixástesnos moi claro o Porriño que queredes, e imos seguir traballando nesa dirección.” O alcalde agradeceu a participación e o traballo dos escolares e asegurou que moitas das propostas xa están contempladas en proxectos algúns deles en execución e outros que botarán a andar proximamente, “e o resto quedan anotadas para seguir construíndo, xuntos, O Porriño que queredes. Queremos que saibades que o Concello escoita todo o que propoñedes. Moitas destas ideas xa forman parte do noso traballo diario e outras tomámolas como compromisos para seguir mellorando o Porriño entre todos. O Porriño que construímos hoxe será o voso Porriño mañá e por iso é tan importante escoitarvos. Agradezo a responsabilidade e o cariño con que fixestes cada unha das propostas que hoxe nos presentastes”.
Ademais do Pleno Infantil, o Concello suma dúas accións especiais neste 20 de novembro baixo o lema “Acéndete polos dereitos da infancia”, a iluminación azul da fachada do Concello, como símbolo de apoio aos dereitos da infancia e o apoio dunha carreira solidaria contra la leucemia infantil, organizada polo CEIP da Ribeira en Torneiros.

