O Concello de Porriño deu un paso histórico ao licitar por primeira vez o servizo de captura, esterilización e solta (CES) de gatos nas colonias felinas do municipio. O contrato, adxudicado á asociación protectora de animais INMA por un importe superior aos 23.000 euros, ten como obxectivo garantir o benestar destes animais e o control da súa poboación, aliñándose coa lexislación vixente e promovendo unha xestión ética e responsable das colonias.

O servizo licitado inclúe unha serie de medidas fundamentais para o manexo adecuado dos gatiños da rúa. Entre elas, destácanse a atención veterinaria integral, que abarca desparasitación, vacinación, e microchipeado; a captura e a súa posterior liberación no seu lugar de orixe ou, no seu caso, a súa entrega en adopción.

O método CES implementarase coa intención de controlar a poboación de gatos e mellorar as súas condicións de vida. O procedemento realizarase co máximo respecto cara aos animais, empregando gaiolas trampa baixo supervisión para evitar o estrés dos felinos. Todos os animais capturados serán avaliados por veterinarios antes de ser esterilizados e marcados para facilitar a súa identificación e seguimento.

Ademais, o pasado pleno municipal aprobou o primeiro protocolo de control de colonias felinas, que regulará a inscrición de novas colonias, o rexistro de voluntarios, e os procedementos para a adopción de gatos. Este protocolo ten como finalidade mellorar a calidade de vida dos felinos e  fomentar a concienciación sobre a importancia da esterilización e a adopción.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño quere reforzar o seu compromiso co benestar animal e coa colaboración de colectivos e voluntarios, quen serán clave na xestión das colonias e o desenvolvemento das accións establecidas no protocolo.

“O noso principal obxectivo é garantir o benestar animal e controlar a poboación de gatos rueiros, que poidan convivir connosco sen molestias e en boas condicións sanitarias”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “pero tamén queremos fomentar a concienciación e colaboración da sociedade en xeral, que se impliquen e coñezan a importancia de coidalos”.

No mesmo sentido expresouse o alcalde, Alejandro Lorenzo, “en definitiva o que buscamos é implementar unha xestión responsable das nosas colonias felinas e promover un modelo de convivencia harmónica entre os animais e a veciñanza. Porque O Porriño somos todos”