- Durante as sesións, combinaranse exercicios físicos con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de que os participantes se sintan máis activos, autónomos e conectados coa contorna.
O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño continúa ampliando a súa oferta de actividades destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Nesta ocasión, faino a través do programa de envellecemento activo “CombiActívate”, promovido en colaboración co Centro de Día do Porriño, que ofrecerá talleres de memoria e actividade física no Centro Cultural Alba, en Torneiros.
As sesións desenvolveranse todos os martes, de 16:00 a 17:00 horas, durante os meses de maio e xuño —comezando a vindeira semana— e retomaranse de setembro a decembro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición directamente no Centro de Día do Porriño.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “seguimos traballando para que os nosos maiores teñan acceso a programas que favorezan un envellecemento activo e saudable. Este tipo de iniciativas non só melloran o seu benestar físico e mental, senón que tamén fortalecen o tecido social da nosa comunidade”.
O programa busca ofrecer un espazo de encontro e dinamización no que as persoas maiores poidan manterse activas tanto física como mentalmente, promovendo a súa autonomía e benestar emocional.
Pola súa parte, a concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, destacou que “a colaboración entre o Centro de Día e o Concello está a dar moi bos resultados. Estes talleres son unha ferramenta clave para manter as capacidades cognitivas e físicas dos nosos maiores, e tamén para previr o illamento social”.
Durante as sesións, combinaranse exercicios físicos con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de que os participantes se sintan máis activos, autónomos e conectados coa contorna.