O Porriño, 22 de xuño de 2025.- Tras unha noite de intenso traballo e emoción colectiva, O Porriño espertou esta mañá cunha das súas tradicións máis fermosas vestindo as rúas: as alfombras florais do Corpus Christi, auténticas obras de arte efémeras que xa agardan o paso da procesión deste mediodía.

Desde primeiras horas da tarde de onte, centos de veciños e veciñas de tódalas idades —avós, pais, fillos e netos— traballaron man a man para crear máis de de 900 metros cadrados de tapices florais, ao longo dos 290 metros que unen a igrexa de Santa María coa praza do Arquitecto Antonio Palacios. O resultado é un espectáculo visual que mestura tradición, identidade e beleza.

O esforzo de colectivos como as Amas de Casa Rosais e de numerosos voluntarios doutras parroquias fixo posible este tapiz comunitario feito con pétalos, follas, area, virutas e moito agarimo. Este ano, ademais, a temática rende homenaxe á tradición alfombrista do Porriño, que se remonta a 1930.

Actos principais do Corpus: procesión e misa solemne

Hoxe domingo celébrase o día grande do Corpus Christi, cun dos momentos máis agardados:

  • 12:00 h | Misa solemne na igrexa parroquial de Santa María
  • A continuación, procesión do Santísimo Sacramento polo percorrido alfombrado

Será un momento de gran simbolismo e emoción, coa participación de nenos e nenas da primeira comuñón, autoridades, confrarías e centos de persoas que acompañarán ao Santísimo polo tapiz elaborado con tanto esforzo pola veciñanza.

“Hoxe O Porriño amence orgulloso da súa tradición, do traballo colectivo e da beleza que emana das súas rúas. O Corpus é unha festa que nos une e nos representa. Sen a Asociación Amas de Casa Rosais, os nenos e nenas, os voluntarios e os veciños e veciñas que colaboraron, non sería posible facer todo isto”, declarou o Alcalde Alejandro Lorenzo, que tamén participou na elaboración das alfombras. “Convidamos a toda a cidadanía a achegarse e vivir este día tan especial. As alfombras son arte viva feita por e para o pobo”, engadiu o rexedor.