O Porriño prepárase xa para a Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos, que chegarán á vila o xoves, día 5, ás 6 e media da tarde. A esa hora Melchor, Gaspar e Baltasar, sairán nas súas carrozas cara ao centro antes de empezar, xa pola noite, o reparto dos xoguetes.
A Cabalgata que estará encabezada pola Rondalla de Santa Eulalia de Atios, estará composta por un tren no que irán as cativas e cativos máis pequenos, seguidos de varios personaxes de Disney, a Rondalla de Pontellas, a carroza da Súa Maxestade o Rei Melchor cos seus paxes e a súa carroza de paquetes, que darán paso ao Rei Gaspar, coa súa comitiva e, por suposto, a súa carroza con regalos e, finalmente, o séquito da Súa Maxestade o Rei Baltasar.
Os Reis, logo de saír da rúa Doantes de Sangue, percorrerán a Avenida Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, San Sebastián, San Benito e Ramón González para chegar, sobre as 8 da tarde, á Praza de Antonio Palacios.
Aquí, diante do Concello, haberá un palco onde se disporán os tronos dos tres Magos nos que recibirán as nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus últimos pedidos, collerán as súas últimas cartas e posarán para as fotos que os pequenos queiran facerse con eles.