As empresas galegas teñen unha cita co running no Porriño o vindeiro 8 de outubro. A vila do Louro acollerá a primeira edición da Carreira de Empresas de Galicia, un novo formato en auxe das carreiras populares para o fomento da práctica deportiva nas empresas, apostando polo benestar a nivel persoal e laboral. Tal e como se indica dende a organización, a práctica deportiva por parte dos empregados mellora o seu rendemento e desempeño laboral, polo que as empresas que apostan polo talento deben preocuparse polo benestar dos seus traballadores en todas as súas dimensións.

Neste peculiar evento poderán participar traballadores por conta allea (sempre que se inscriban como equipo de ata 4 compoñentes todos da mesma empresa ou ben sexan socios acreditados da mesma), profesionais autónomos ou parados de maneira individual ou atletas ou deportistas individuais. É dicir, non é necesario participar como traballador en equipo, calquera pode facelo!

A carreira está organizada polo Interrunning Club, en colaboración co Concello do Porriño, e aspira a superar todas as expectativas.

O prazo de inscrición abrirá o próximo 31 de xullo en https://ccnorte.com e o custe será de 8 euros (do 31 de xullo ao 15 de agosto) e de 10 euros (do 16 de agosto ao 30 de setembro). Hay que destacar o carácter solidario deste evento, xa que o importe íntegro da inscrición será doado á Asociación Bicos de Papel (Asociación de axuda aos Nenos Oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro).

Serán un total de 3 carreiras: unha andaina de 6 km, unha carreira de 5 ou 10 km e unha carreira de 100 metros para os Pitufos. A idade mínima para participar é de 16 anos, excepto na proba dos Pitufos (nados a partir do 1 de xaneiro do 2019). A andaina e a proba de Pitufos son probas non competitivas pero as carreiras 5K e 10K si o son.