• Catro drons competirán simultáneamente nun circuíto técnico e cheo de obstáculos

O Porriño, 31 de maio de 2025.- O Porriño volverá a converterse nun referente da innovación e do deporte tecnolóxico coa celebración dunha proba puntuable do calendario oficial da Federación Aeronáutica Galega (FAG) na categoría F9U – Drones de Carreiras. O evento está organizado polo Club Furaventos, con sede no noso concello, e terá lugar nas súas instalacións, que xa son un referente no ámbito autonómico.

Durante a xornada disputaranse intensas mangas clasificatorias e eliminatorias nas que catro drons competirán simultáneamente nun circuíto técnico e cheo de obstáculos, loitando por un posto nas seguintes roldas ata chegar á gran final.

Trátase dunha disciplina espectacular: os drons, pequenos pero extremadamente potentes, poden acadar os 200 km/h en só un par de segundos. Os pilotos manexan os dispositivos por radiocontrol mediante gafas FPV (First Person View), que se conectan ás cámaras instaladas nos drons, ofrecendo unha experiencia inmersiva única, como se pilotasen a bordo.

A xornada comezará pola mañá cos adestramentos libres. Tras o xantar, celebraranse as mangas clasificatorias e posteriormente as eliminatorias que darán paso á final. Ao remate, terá lugar a entrega de medallas da Federación Aeronáutica Galega, así como agasallos por parte dos patrocinadores.

O Club Furaventos dá unha especial importancia a esta cita, xa que lles serve como proba técnica para testar novos sistemas e equipamentos que empregarán no Campionato de España, que tamén terá lugar no Porriño a finais de agosto.

Dende o Concello do Porriño animámosvos a coñecer de preto unha modalidade deportiva emerxente que combina tecnoloxía, destreza e espectáculo visual. Unha mostra máis do compromiso deste municipio coa innovación e o apoio ao deporte en todas as súas expresións.