O Concello do Porriño celebrou hoxe o “Encontro coas Empresas do Porriño”, un acto institucional que serviu para afianzar o diálogo público-privado co tecido empresarial local e presentar oficialmente o Foro Empresarial do Porriño, unha entidade que nace para canalizar de forma unitaria as necesidades do sector ante as administracións.

O evento contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, recibido polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz Álvarez, o presidente da Entidade Urbanística do Polígono da Granxa, Indalecio Cuevas, así como por representantes de diferentes entidades empresariais da provincia de Pontevedra.

Durante a súa intervención, Cuevas destacou que “xuntos camiñaremos mellor cara a ese compromiso de investimento, crecemento e valores que a industria necesita”, e agradeceu ao Concello “a súa colaboración na creación deste foro imprescindible para unirnos ante as institucións”. Entre as demandas expostas, subliñou a necesidade da gratuidade do servizo de transporte Puxeiros–Tui para os traballadores, así como a necesidade de desconxestionar as comunicacións con Vigo e de facer realidade a cidade do transporte, pendente dende hai máis de doce anos.

Tras a proxección dunha reportaxe cos datos socioeconómicos do municipio, o alcalde Alejandro Lorenzo puxo en valor o peso industrial do Porriño, “é o pulmón industrial de Galicia; do que temos que presumir”, e explicou que o seu compromiso coa industria foi claro dende o primeiro día: “Cando cheguei á alcaldía comprometinme cos empresarios a que O Porriño debía ser un Concello Emprendedor. Hoxe xa o é”. Isto tradúcese en prioridade para subvencións, melloras nos polígonos e beneficios directos para as empresas. “Mentres outros concellos soben impostos, O Porriño os bonifica”, subliñou.

Sobre o Foro Empresarial, Lorenzo indicou que se trata dunha iniciativa fundamental que terá todo o apoio e colaboración institucional do goberno local: “O Foro permitirá unha interlocución directa e eficaz coas administracións para mellorar a competitividade da nosa industria, do comercio e dos demais sectores produtivos. Dende o Concello estaremos sempre ao lado de todo o que contribúa a que O Porriño siga medrando con forza”, afirmou o rexedor.

Pechando o acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa industria e co tecido empresarial: “As empresas necesitan das administracións, pero as administracións tamén necesitan das empresas. O Porriño é un núcleo estratéxico que non pode perder oportunidades, e desde a Xunta seguiremos apoiando o seu desenvolvemento porque aquí hai talento, esforzo e futuro”, declarou.

O evento concluíu cun espazo de networking distendido na arboreda, no que os asistentes puideron intercambiar ideas mentres degustaban viño galego e os tradicionais callos do Porriño, símbolo gastronómico da identidade local. Ao redor de 250 empresarios e empresarias participaron nesta xornada que consolidou ao Porriño como un referente no desenvolvemento económico de Galicia.