• Trátase dunha proba de ciclismo nacional que puntúa para ranking RFEC, que a súa vez é o campionato galego da categoría

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– O Porriño converterase este sábado no epicentro do ciclismo galego coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño nas categorías Élite e Sub23, unha proba nacional de máximo nivel, que a súa vez é o  campionato galego da categoría e na que, polo tanto, se descubrirán os campións Élite e Sub23 galegos.

Organizada polo Club Master da Louriña, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, a carreira arrancará ás 16:30 horas e contará coa participación de máis de 100 ciclistas. Os deportistas deberán completar un esixente percorrido de 137 km, con 3,5 km de saída neutralizada e un desnivel acumulado de 1.273 metros. 

Durante a presentación do evento desta mañá, o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este tipo de competicións consolidan o noso municipio como referente do deporte galego e atraen centos de persoas que poden gozar dun espectáculo deportivo de primeira”. No acto estiveron tamén presentes Juan José Álvarez, Presidente do Club Master da Louriña; Óscar Sánchez e Jacobo Ucha, representantes da Federación Galega de Ciclismo; Rafael Pérez, patrocinador principal privado da proba; e María Felisa Rodríguez Carrera, Concelleira de Deportes de Mos. 

A competición será retransmitida en tempo real a través do sistema de radio volta da Federación Galega de Ciclismo, permitindo un seguimento minuto a minuto do desenvolvemento da carreira.

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a veciñanza a saír ás rúas e achegarse ás inmediacións do percorrido para apoiar aos corredores e desfrutar dun sábado de ciclismo de elite, nun evento que servirá para coroar os novos campións galegos da tempada.