• A palabra, a literatura e a música convertéronse no fío condutor dunha xornada de convivencia, inclusión e orgullo pola identidade cultural galega.

O Porriño, 15 de maio de 2025.– O Porriño acolleu hoxe a IV Xuntanza Literaria no parque Alba de Torneiros, unha actividade organizada polos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, coa colaboración da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e da OMIX. A xornada, que contou coa participación de máis de 400 persoas, converteuse nunha verdadeira festa da lectura, da inclusión e da lingua galega.

Desde as 10:30 e ata as 13:00 horas, alumnado, docentes, usuarios do Centro de Día de Torneiros, membros de ACEESCA e da Asociación AFAGA compartiron espazos de lectura individual e colectiva, recomendacións lectoras e mesmo unha merenda, todo nun ambiente distendido e interxeracional que encheu de vida o parque.

Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de que “O Porriño siga apostando por iniciativas que reforzan a nosa identidade cultural, fomentando o uso do galego desde as primeiras etapas da vida e involucrando a toda a comunidade”. Para o rexedor, este tipo de propostas “teñen un impacto real no tecido social, porque mesturan educación, cultura e convivencia”.

Un dos aspectos máis destacados desta edición foi o enfoque inclusivo e interxeracional, co obxectivo de promover a participación activa de persoas maiores e con diversidade funcional xunto á mocidade e á infancia. Tal como indicou a concelleira de Educación, Carolina González, “A Xuntanza Literaria é moito máis ca unha actividade lectora: é un espazo onde se constrúe respecto, empatía e sentimento de pertenza a través da palabra e da música”.

Ao longo da mañá, tamén houbo lugar para a música como ferramenta de expresión e canle de aprendizaxe. A actuación de Javier Becerra e Carolina Rubirosa, co espectáculo didáctico Isto é rock!, fixo vibrar ao público cun percorrido lúdico pola historia do rock, ofrecendo un enfoque accesible para todas as idades e facendo partícipes aos asistentes dun concerto que mesturou cultura musical e diversión.

A actividade contou coa implicación dos seguintes centros: CPR Santo Tomás, IES Pino Manso, ACEESCA, CEIPP Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CEIPP Antonio Palacios, IES Ribeira do Louro, CEIP da Cruz-Budiño, CEIPP de Atios, Centro de Día de Torneiros, Asociación AFAGA e CEIPP da Ribeira. Unha representación ampla e diversa do Porriño que demostra o compromiso común coa educación e coa lingua.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer o traballo de todas as persoas implicadas, especialmente dos centros educativos e entidades colaboradoras: “Este é un claro exemplo de como o Concello, xunto coa comunidade educativa, pode colaborar en proxectos que sementan valores de inclusión, cultura e respecto pola nosa lingua”

Con esta IV Xuntanza Literaria, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co fomento do galego e coa integración social a través da cultura, facendo da palabra e da música vehículos de convivencia, aprendizaxe e orgullo identitario.