- Numeroso público deuse cita este serán na Praza do Concello onde os usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e centros de día lideraron a conta atrás que iluminou o municipio cun milleiro de luces led, seguida de neve artificial, confeti e un concerto flashmob de artistas locais que puxeron voz, xunto co alcalde, da panxoliña “O Nadal no Porriño”
- O teito de luces, cun deseño único, ofrecerá cada día, en varios pases, un espectáculo sincronizado de luz e son e habilitarase un autobús, con saída dende todas as parroquias, para que as persoas maiores e con diversidade poidan contemplar toda a decoración e iluminación de Nadal distribuída pola vila
O Porriño, 28 de novembro de 2025.- O Porriño viviu hoxe unha noite máxica coa celebración do acendido do Nadal, que se converteu nun acto multitudinario e cheo de emoción. O momento máis esperado tivo lugar logo das palabras de benvida dos usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e dos centros de día do municipio, quen protagonizaron a conta atrás para premer o botón que acendeu un milleiro de luces led distribuídas polas rúas e prazas do casco urbano e por tódalas parroquias.
Laura e Ibai, de Aceesca, foron os encargados de dirixirse ao numeroso público que non quixo perderse esta festa de benvida do Nadal. “Estamos moi contentos de dar visibilidade ás persoas con discapacidade intelectual e de compartir con vós un momento tan especial”, sinalou Laura, mentres que o seu compañeiro agradeceu aos asistentes “por acompañarnos e por seguir construíndo entre todos un Porriño máis inclusivo. Para nós é unha honra estar aquí hoxe e sentir o cariño de toda a xente. Agardamos que estas luces enchan as rúas de ilusión e alegría”.
O alcalde Alejandro Lorenzo dirixiuse á veciñanza sinalando que “hoxe non só acendemos luces… hoxe acendemos emoción, ilusión e inclusión. Gracias a todos e todas por estar hoxe aquí, gracias aos nosos protagonistas e gracias a todo O Porriño por facer deste Nadal algo inesquecible”, desexando “moi boas festas a todos e todas!”
O evento contou cun espectacular ambiente invernal, con neve artificial e confeti, e os asistentes puideron desfrutar de chocolate quente con churros mentres contemplaban a decoración luminosa, entre a cal destaca o gran teito de luces instalado na zona peonil, que sorprendeu a maiores e pequenos. Esta atracción, cun deseño único, ofrece un espectáculo sincronizado de luz e son, de 10 minutos de duración, que se repetirá cada día en varios pases, de luns a xoves será ás 19.00 e 20.00 horas, e os venres, sábados, domingos e festivos ás 19.00, 20.00, 21.00 e 22.00 horas. Ademais, habilitarase un autobús, con saída dende todas as parroquias, para que as persoas maiores e con diversidade poidan contemplar con comodidade toda a decoración e iluminación de Nadal distribuída pola vila.
Tralo acendido, tivo lugar un concerto a modo flashmob protagonizado por artistas locais, no que se estreou a panxoliña “O Nadal no Porriño”, coa participación especial do alcalde que tamén puxo voz ao tema. A noite continuou coa actuación estelar de Soraya, que ofreceu un espectáculo cheo de enerxía e ambiente festivo, seguido dunha sesión DJ que pechou a xornada con música e baile para tódolos públicos.
Teatro, música coral e os grandes éxitos do pop rock
A actividade cultural continúa, de xeito paralelo, durante a fin de semana no Porriño. Maña sábado, o Centro Cultural de Cans acollerá ás 17.30 horas a representación de “A Leira”, a cargo da compañía Fontevella Teatro. A función contará con entrada libre e de balde ata completar prazas, unha obra divertida onde as paixóns e os sentimentos farannos reflexionar e rir a partes iguais.
Tamén mañá, ás 19.30 horas, celebrarase na Igrexa de San Rosendo de Torneiros o Encontro de Corais organizado pola Coral Polifónica Agarimo con motivo do seu 30º aniversario. Esta cita tan especial reunirá as voces das corais O Son dos Cantares de Mos, Polifónica Allegro de Vigo, Pedra Blanca de Cesantes e a dos propios anfitrións.
A programación completase o domingo, 30 de novembro, ás 17.00 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, cun concerto dedicado aos grandes éxitos do pop e do rock. A Agrupación Musical do Porriño e a cantante Lucía Lugrís ofrecerán unha actuación pensada para todos os públicos.

