A plantilla do CD Pontellas partiu ás 10,30 horas en autobús cara a Tolosa onde mañá mércores confía en seguir facendo historia. Teñen por diante unha viaxe de preto de 10 horas, cunha parada en León para comer.
O equipo da pequena parroquia porriñesa de apenas 2.000 habitantes xogará contra o Tolosa a eliminatoria previa da Copa do Rei que este ano habilitou a RFEF como premio ós equipos campeóns dos seus respectivos grupos de Rexional Preferente que ascenderon a Terceira División.
Caso de superar esta previa en terras vascas, o “Tellas” tería na seguinte ronda un emparellamento cun equipo de Primeira División –agás os catro que están a xogar na Champions League-.
A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Deportes, David Alonso acudiron ó campo de San Campio, lugar de reunión e partida da expedición, para desexar sorte e ánimo ós xogadores, cadro técnico e directiva do CD Pontellas.
Eva García dixoulles que disfrutarán “do momento histórico que estades a vivir que xa ninguén vai quitarvos”.
Hai una semana, David Alonso, concelleiro de Deportes informou que o goberno municipal porriñés acordou outorgar unha achega extraordinaria de 4.000 € ó C.D. Pontellas. Tratase dunha aportación especial, a maiores da subvención anual que o Concello de O Porriño ten conveniada con C. D. Pontellas.
A presidenta do club local, Marta Costas tiña solicitado nunha reunión recente coa alcaldesa e co concelleiro de Deportes axuda económica e loxística do Concello debido ós gastos extraordinarios que lle supón a este modesto club afrontar a súa histórica participación na Copa do Rei.