- Desde a súa posta en funcionamento, o Polo do Porriño leva acompañados máis de 700 proxectos empresariais, contribuíndo á creación de preto de 50 novas iniciativas con impacto local.
- O centro desenvolve accións prioritariamente nos sectores do comercio, a hostalaría e os servizos, cun volume de máis de 1.300 sesións de orientación profesional realizadas ata a data.
O Porriño, 20 de maio de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo hoxe en valor o papel estratéxico que desempeña o Polo de emprendemento e apoio ao emprego da vila como motor de xeración de oportunidades laborais e dinamización económica no municipio. “O Polo é xa unha referencia para a xente nova e non tan nova que quere emprender no noso concello; estamos a ver como ideas locais se transforman en proxectos sólidos con futuro”, asegurou o rexedor.
Lorenzo fixo estas declaracións durante a visita institucional ás instalacións do centro, realizada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no marco da Semana da Administración Aberta 2025. No acto tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e, por parte do Concello, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.
O alcalde destacou o compromiso do goberno local co impulso do emprendemento e sinalou que “cada nova iniciativa representa non só unha oportunidade laboral, senón tamén un reforzo para o tecido económico e social do Porriño”. Salientou tamén un dato especialmente relevante: “arredor do 60 % dos proxectos asesorados están liderados por mulleres, un dato que nos enche de orgullo e que evidencia que o emprendemento tamén é un motor de igualdade”.
Durante a visita, o conselleiro José González afirmou que “iniciativas coma esta representan á perfección o espírito da Semana da Administración Aberta: unha administración próxima, útil e comprometida co territorio”. Valorou o traballo desenvolvido no Porriño e sinalou que “os principios de transparencia, participación e colaboración se materializan en proxectos reais, liderados por persoas emprendedoras comprometidas co seu territorio”.
Desde a súa posta en funcionamento, o Polo do Porriño leva acompañados máis de 700 proxectos empresariais, contribuíndo á creación de preto de 50 novas iniciativas con impacto local. O centro desenvolve accións prioritariamente nos sectores do comercio, a hostalaría e os servizos, cun volume de máis de 1.300 sesións de orientación profesional realizadas ata a data.
González avanzou ademais a apertura do prazo para solicitar as novas achegas da Xunta para persoas emprendedoras, que comeza mañá e estará dispoñible ata o 30 de xuño. Cun orzamento de 6,7 millóns de euros, estas axudas poden acadar os 35.000 euros por proxecto, con incentivos adicionais para casos de remuda xeracional.
A xornada concluíu cun percorrido polas instalacións e un encontro coas persoas usuarias do centro, que compartiron cos responsables institucionais os seus proxectos, retos e perspectivas de futuro.