O Polideportivo Municipal acollerá as probas da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) de alumnos de cinco centros de Porriño e Mos que se realizarán os días 7, 8 e 9 de xullo, en aplicación dos protocolos de seguridade e prevención do Covid-19..
Segundo o acordo acadado esta semana entre a Universidade de Vigo e o Concello do Porriño, representado por Lourdes Moure, concelleira de Educación, realizarán no polideportivo porrriñés estas probas de acceso á Universidade, os alumnos dos IES “Ribeira do Louro” e “Pino Manso”, do Porriño así como os alumnos procedentes do IES de Mos e dos centros privados “Colegio Lar” e Colegio Los Sauces”.
“Se o número de alumnos inscritos para facer as probas da ABAU é de 200 estudantes, empregaríase tan só a pista do Pavillón 1. Se fosen máis, utilizaríase tamén a pista do Pavillón 2”, explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación.
Os pupitres e cadeiras serán trasladados dende o IES “Pino Manso”. Tanto o material a empregar para a realización dos exames coma os espazos a ocupar, serán obxeto dun protocolo diario de desinfección e limpeza. Tamén a Policía Local do Porriño colaborará a diario establecendo un perímetro de seguridade nos accesos ao Polideportivo Municipal, habilitando un circuito de entrada e saída para os vehículos que trasladen e recollan aos alumnos, segundo ten planificado o departamento que dirixe Lourdes Moure.