O Concello do Porriño comprométese co pobo ucraíno ante a crise humanitaria derivada da invasión das tropas rusas no seu territorio, e confirmou á Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, que acollerá ata 20 persoas refuxiadas de Ucrania.
A resposta humanitaria do Concello inclúe, ademais de aloxamento, poñer ao dispor das persoas refuxiadas persoal especializado en psicoloxía, servizos xurídicos e traballo social.
Ademais, e ante a petición de varios particulares que xa ofreceron os seus domicilios para acoller a familias refuxiadas, desde o Concello informan de que todo aquel que queira sumarse ao ofrecemento se poña en contacto coa administración local que se encargará de xestionar a acollida.
Esta decisión comunicarase hoxe ao resto dos grupos da corporación na Xunta de Voceiros convocada para as 17:30 h na que se abordará a posibilidade de adoptar máis medidas en base a como se desenvolva o conflito.
“Queremos mostrar o noso respaldo ao pobo ucraíno e condear a inxustificable e brutal agresión por parte de Rusia”, afirmou o alcalde, “Nun momento coma este todas as administracións debemos estar á altura e contribuir na medida das nosas posiblidades”.
Do mesmo modo, en sinal de apoio a Ucrania, a súa bandeira lucirá na pantalla instalada na rúa Antonio Palacios.