O Goberno Municipal levou hoxe a pleno a súa proposta de orzamentos para o presente exercicio, unha folla de ruta económica que chega a sete meses da investidura deste novo equipo de goberno tras catro anos de prórrogas sen proposta algunha por parte do anterior executivo.
Tal e como relatou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o desenvolvemento da actividade municipal con cargo ao orzamento prorrogado do 2018 dificulta enormemente a xestión diaria impedindo, entre outras cuestións, a prestación regular de servizos básicos ao non contar con partidas. En resumo, non permite dar cobertura ás necesidades básicas do Concello nin da súa veciñanza”.
As contas presentadas polo executivo local, que cumpren con todos os requisitos de estabilidade orzamentaria, ascenden a 27.889.763 euros, dos cales 18.602.039 corresponden a actuacións esenciais financiadas con ingresos ordinarios e 9.287.724 euros a unha operación de crédito para inversións de primeira necesidade para a veciñanza como a acometida de rede de saneamento (3,5 M de euros), a dotación de vivenda de protección oficial (2,5 M de euros) e a supresión do paso a nivel (3 M de euros).
“O orzamento co que traballamos actualmente non atende en absoluto ás necesidades da cidadanía a día de hoxe e átannos de mans á hora de prestar os servizos básicos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Traemos unhas contas traballadas, deseñadas para poder atender ás necesidades reais dos veciños, retomar a senda do cumprimento do Período Medio de Pago e por suposto, para a recuperación económica do Concello”.
A proposta do executivo non obtivo o respaldo dos grupos da oposición, que tildaron os orzamentos de precipitados, non traballados suficientemente e non consensuados, obtendo o voto en contra dos corporativos de PSOE, UDDL, BNG, EU SON e Non Adscritos.
“Traemos unha proposta viable, responsable e con todo o preciso para poder dar resposta ao que os porriñeses e porriñesas necesitan e non imos entrar en acusacións de bloqueo na xestión nin outras cuestións de tintes políticos”, concluíu o alcalde, “O que nós queremos é que gañe O Porriño, non que gañe o noso partido e por iso seguiremos negociando e traballando estas contas que o pobo necesita para poder manterse”.
Incremento do gasto corrente nun 40% e 10,1 M de euros de débeda heredada
A proposta foi elaborada tendo en conta a débeda pendente de pago que, a 31 de decembro de 2021, ascende a 10.105.887,11 euros. Unha cifra que se consolida cos 5,4 M de euros que se deben en facturación irregular rexistradas entre os anos 2017 e 2018, os 4,1 M de euros reclamados polo Concello de Vigo en concepto de explotación do canal de Eiras, e 543.000 euros para facer fronte ao pago de xustiprezos. Unha cantidade que, sumada ao gasto de funcionamento corrente dunha administración, impide realizar inversións de maneira sostible.
Todo isto, fai necesario recurrir a unha operación financieira para garantir as inversións urxentes.
Un goberno que coida
Neste proxecto de orzamento é necesario resaltar o compromiso deste goberno por manter e reforzar os servizos sociais –incrementando o gasto un 65% – e a mellora dos servizos municipais dotando de máis persoal – incremento do 36%- e orzamento para poder cumprir principalmente na prevención de axuda no coidado dos nosos maiores creando unha area propia e a atención social de máis de 2 M de euros.
Tamén coidar e coidarnos e seguir sendo un Concello de referencia no deporte cun incremento de orzamento de 15% apostando de maneira máis intensa polo deporte, reforzando os clubs de aumentando as axudas ademais do mantemento e mellora das instalacións deportivas.
Destacar tamén a aposta e compromiso co emprego e a formación cuxa partida pasa de 0 a 120.000 euros.
Concello limpo e verde
Importante a reserva de crédito do executivo para a área de limpeza e parques e xardíns, para que se destinan 1,4 M de euros, a fin de prestar un servizo regulado e axustado á demanda do municipio. As contas van dirixida a dar cobertura a todos eses servizos que estiveron prestándose sen contrato durante anos como as melloras nos parques infantís e o mantemento de viais.
Concello que integra cultura, educación, xuventude e infancia
A cultura ten un especial peso nas contas ao tratarse dun valor esencial para o desenvolvemento na vila. Dita responsabilidade reflíctese na partida que se reserva que incrementa a partida nun 57% . O gasto en festexos, pola contra, redúcese nun 2%.
Baixada de soldos do Alcalde e concelleiros
Outro dos puntos que o Goberno Municipal pretende modificar é o que respecta ás súas retribucións que baixan nun 2,7% para o Alcalde e un 2,02% por cento para os concelleiros.
Impulso do tecido asociativo
A creación dunha partida de 150.000 euros para responder ás necesidades das asociacións que non dispoñen de subvención nominativa destaca nas contas, á que se recurrirá de maneira regulada en bases. Engádense tamén a maiores das que xa figuraban, axudas nominativas a OSÍLICE, COGAMI ,AFAGA, AHOSPOR e á Asociación de Panadeiros do Porriño.