Sergio Quintas Casal, terceiro tenente de alcalde, comunicou esta tarde aos grupos municipais da corporación que o pleno de elección e toma de posesión da persoa que exercerá como alcaldesa ou alcalde do Porriño, terá lugar sen público. Só se permitirá o acceso ao salón de plenos aos profesionais dos medios informativos que acrediten estar vacinados con certificado Covid e provistos de máscaras.

A sesión terá lugar este xoves, a partir das 18,00 horas e retransmitirase por streaming na mediateca municipal, a través da páxina web do Concello (http://mediateca-oporrino.seneca.tv/activity)
A decisión tomouse ante o risco de aglomeracións no salón de plenos e a partir dos datos epidemiolóxicos que actualmente presenta Porriño. Con datos ata a data, 280 contaxios en 14 días e unha taxa de incidencia de 1.411, segundo o Sergas.

Sergio Quintas Casal xa informou aos voceiros de todos os grupos municipais, como presidente do pleno de mañá. Esta circunstancia débese a que tanto Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde como Lourdes Moure, segunda tenente de alcalde, serán candidatos á alcaldía e, polo tanto, non deberían presidir a sesión, que correrá a cargo de Sergio Quintas Casal, como terceiro tenente de alcalde.