O Porriño, 28 de xullo de 2025.– O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar en sesión ordinaria, cos votos a favor do goberno local e os votos en contra do PSOE e BNG, o estudo de custos dun ambicioso proxecto de eficiencia enerxética, o paso previo imprescindible para iniciar o proceso de licitación. Trátase dunha iniciativa estratéxica cun investimento estimado de preto de 10 millóns de euros, que permitirá modernizar e optimizar a xestión das instalacións eléctricas municipais ao longo dos vindeiros 20 anos.

Este proxecto desenvolverase baixo o modelo dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), que será a encargada da xestión integral das instalacións enerxéticas do municipio: desde a iluminación pública exterior ata os edificios municipais, semáforos e puntos de recarga para vehículos eléctricos.

O contrato contemplará a xestión e mantemento integral das instalacións por parte da empresa adxudicataria, que asumirá tanto o mantemento preventivo como o correctivo, cunha garantía total sobre os investimentos realizados. Así mesmo, estableceranse prazos de resposta curtos ante posibles avarías e a reposición inmediata das luminarias defectuosas, garantindo a continuidade do servizo e a eficiencia operativa.

Durante a sesión plenaria, o alcalde, Alejandro Lorenzo, sinalou que: “A aprobación deste estudo de custos supón un avance fundamental para impulsar un Porriño máis sostible, sen incrementar o gasto público. É importante destacar que O Porriño leva anos con moitas deficiencias eléctricas ou de iluminación nas parroquias e no casco urbano, e a actualización e ordenación deste servizo é fundamental para o seu funcionamento, aforro enerxético e sostibilidade. Cada ano hai incidencias cos cuadros eléctricos e moita iluminación, especialmente nas parroquias, e temos que buscar unha solución histórica. As parroquias forman parte esencial do noso municipio e merecen toda a nosa atención e coidado”.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera, destacou que “este proxecto vai moito máis alá da renovación do alumeado público: é unha aposta clara por un modelo de vila máis verde, eficiente e comprometida co futuro. Incorporaremos tecnoloxías que reducirán as emisións e o consumo, mellorando a calidade de vida da veciñanza e o rendemento das infraestruturas municipais”.

UN PROXECTO SEN CUSTO ENGADIDO E FINANCIADO COS AFORROS

O Concello do Porriño comprométese a que o pagamento anual derivado deste proxecto non supere o gasto enerxético actual. A empresa adxudicataria asumirá o investimento inicial, que roldará os 10 millóns de euros, destinados á incorporación de tecnoloxías limpas e sistemas máis eficientes. Estas melloras xerarán un aforro progresivo que permitirá autofinanciar o proxecto, sen custo engadido para as arcas municipais.

A maiores, o proxecto incluirá importantes investimentos nos edificios municipais, co obxectivo de transformalos en espazos máis eficientes e sostibles, mediante a implantación de solucións baseadas en enerxías renovables e tecnoloxías de baixo consumo.

UN MODELO DE FUTURO PARA UN PORRIÑO MÁIS VERDE

Con este proxecto, o Concello do Porriño aposta por un modelo innovador de xestión enerxética, que combina eficiencia, aforro e sustentabilidade. A través da colaboración cunha ESE, garantirase non só a renovación das infraestruturas existentes, senón tamén unha xestión optimizada e comprometida co medio ambiente.

Esta iniciativa supón un paso decisivo cara a un Porriño máis verde, eficaz e moderno, colocando ao municipio como referente na transición cara a un modelo enerxético máis respectuoso co planeta e máis eficiente no uso dos recursos públicos.