A corporación infantil do Concello do Porriño reuniuse esta mañá para celebrar a súa sesión plenaria anual cumprindo co compromiso adquirido da administración local de conmemorar cada ano o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presidiu o pleno acompañado polas concelleiras de Educación e Infancia, Carolina González e Rosa Isabel ALonso. A corporación completábana representantes dos nove centros educativos de primaria e secundaria do municipio e de ACEESCA.
Os portavoces de cada uns dos centros tiveron a oportunidade de transmitirlle de primeira man, tanto ao alcalde coma ao resto de concelleiros e concelleiras, o resultado do traballo feito cos seus compañeiros e compañeiras nas aulas e defender as súas propostas para que O Porriño sexa un concello máis implicado na loita polos dereitos da infancia. Baixo o lema deste ano “Para cada infancia, todos os dereitos!” puxeron o foco na participación dos nenos e nenas na sociedade, na consecución dun planeta habitable e na paz.
No eido más local, propuxéronse cuestións como unha nova piscina pública, a necesidade de habilitar parques libres de fumo, a eliminación de barreiras arquitectónicas ou o transporte público.
Outro dos puntos da orde do día era a convocatoria dunha nova edición da campaña de recollida de alimentos infantís e productos de hixiene A Hora de Dar que axudarán a moitas familias do Porriño que o necesitan. A proposta foi aprobada por unanimade e desenvolverase o vindeiro 28 de novembro nos centros escolares.