. En plena primavera, o Concello do Porriño anuncia a primeira edición da Mostra da Camelia. Será a vindeira fin de semana, os días 12 e 13 de abril, no Parque do Cristo, cando expositores chegados de toda a provincia amosen os seus traballos de floricultura e os asistentes poidan contemplar ducias de especies e variedades deste xénero orixinario das rexións tropicais e subtropicais de Asia suroriental, China e Xapón.
Con todo, a climatoloxía e acidez do terreo en toda Galicia e moi particularmente nas Rías Baixas favorecen o cultivo deste arbusto e inducen unha larga floración. “No Porriño o culto a esta flor é unha tradición moi arraigada xa que contamos coas condicións idóneas para o seu cultivo, o que dá lugar a curiosos exemplares desta flor da que existen máis de 250 variedades diferentes”, apuntan dende a organización desta I Mostra da Camelia Concello do Porriño, a cal dará continuidade a organizada durante a última década pola Asociación San Salvador de Torneiros.
Na xornada do sábado o horario será vespertino, de 16.00 a 20.00 horas, e xa o domingo a mostra estará aberta ao público pola mañá, de 10.30 a 14.00 e pola tarde de 16.00 a 20.00 horas.
O alcalde Alejandro Lorenzo anima a toda a veciñanza e visitantes a acudir a esta cita, “dar unha volta, compartir conversas e deixarse sorprender polo recendo destas flores”.
Esta do Porriño, organizada polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, é unha das citas xa ineludibles no calendario de feiras, mostras, eventos e exposicións da camelia na nosa Comunidade deste ano 2025.