• O Concello do Porriño, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha no Multiusos de Torneiros dous novos obradoiros de formación dixital dirixidos á veciñanza en xeral e ás persoas maiores de 60 anos.
  • As actividades desenvolveranse durante o mes de abril en horario de mañá, con continuidade en maio e xuño, e requiren inscrición previa dentro dos prazos establecidos.

Porriño 18 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño continúa reforzando o seu compromiso coa formación tecnolóxica da cidadanía coa posta en marcha de dous novos obradoiros en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. Estas accións formativas están dirixidas tanto á veciñanza en xeral como, de maneira específica, ás persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de reducir a fenda dixital e fomentar o uso seguro e práctico das novas tecnoloxías.

Os cursos desenvolveranse no Multicentro de Torneiros en horario de mañá ao longo do mes de abril, con continuidade prevista durante os meses de maio e xuño.

Por unha banda, impartirase o obradoiro “Apps útiles para a xestión de trámites en internet”, que terá lugar do 13 ao 16 de abril, en horario de 10:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente ata o día 24 .

Por outra, está programado o curso “Iniciación ao mundo dixital”, dirixido a maiores de 60 anos, que se desenvolverá do 20 ao 23 de abril no mesmo horario. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 30 .

Ambas iniciativas ofrecerán formación práctica sobre o uso de internet, administración electrónica, aplicacións móbiles, seguridade dixital e ferramentas de comunicación, facilitando así a autonomía dixital da cidadanía.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia destas accións formativas: “Seguimos apostando por achegar a tecnoloxía a toda a veciñanza, especialmente ás persoas maiores, para que ninguén quede atrás nun mundo cada vez máis dixital. Estes obradoiros non só proporcionan coñecementos, senón tamén confianza e autonomía no uso das ferramentas tecnolóxicas”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso, subliñou que “a colaboración coa Fundación Cibervoluntarios permítenos ofrecer unha formación de calidade, accesible e adaptada ás necesidades reais da poboación”.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web www.yoconecto.org,  no teléfono 986 33 82 17 ou tamén a través do correo electrónico administracion@porremprego.org, dentro dos prazos establecidos para cada curso.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía mediante a formación e o acceso ás novas tecnoloxías.