O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, deu a coñecer hoxe o cartel oficial do Entroido 2025. A ilustración de Carla Marques Vaquero, alumna de 4º de ESO do Colexio Santo Tomás, foi a elixida como imaxe representativa deste ano tras proclamarse gañadora do IV Concurso Escolar de Carteis do Entroido.
O certame contou cunha gran participación dos centros educativos de primaria, secundaria e ACEESCA, que sumaron numerosas propostas con estilos e técnicas diversas, como acuarela, colaxe, cera ou carbón. A colaboración de Consuelo Rodríguez Domínguez, artista local, foi fundamental na organización deste evento, sendo a súa implicación e apoio chave para o éxito desta edición.
O xurado, formado polos artistas locais Juan de la Cruz Castaño Vicente, Nito Pereiro-Oliveira e Nuria Vilanova Ferreira, avaliou as propostas recibidas, tendo en conta a diversidade e a calidade das obras presentadas. A tarefa foi complicada debido á alta calidade e creatividade das propostas.
O alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, visitou o centro educativo da gañadora para comunicar a nova en persoa, sorprendendo a Carla nun emotivo momento cheo de aplausos e ledicia entre os seus compañeiros. “Cada ano sorpréndenos máis o talento dos nosos pequenos artistas. Temos unha mocidade creativa e con moita ilusión. Este concurso non só fomenta a expresión artística, senón que tamén reforza o sentimento de pertenza e tradición na nosa vila”, destacou o rexedor.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González Costas, quixo poñer en valor o esforzo de todos os participantes. “A calidade dos traballos presentados demostra o potencial creativo dos nosos estudantes. É unha honra ver como o Entroido esperta tanta paixón entre a mocidade e como se involucran para manter viva esta festa”, sinalou.
Dada a calidade dos traballos presentados, o xurado resolveu outorgar premios en tres categorías por idades, quedando a clasificación da seguinte maneira:
CATEGORÍA 1: De 6 a 8 anos
- 1º premio: Thelma Táboas Fernández, 8 anos (2º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
- 2º premio: Sofía Alonso Pérez, 8 anos (3º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
- 3º premio: Joaquina, 8 anos (Colexio Xosé Fernández López).
CATEGORÍA 2: De 9 a 12 anos
- 1º premio: Carla Sanandrés, 12 anos (1º ESO), IES Ribeira do Louro.
- 2º premio: Leire Hermida Fernández, 11 anos (6º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
- 3º premio: Mario Pintos Romero, 11 anos (6º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
CATEGORÍA 3: De 13 a 16 anos
- 1º premio: Carla Marques Vaquero, 16 anos (4º ESO), Colexio Santo Tomás.
- 2º premio: Gabrielly Silva Pereiro, 14 anos (2º ESO), Colexio Hermanos Quiroga.
- 3º premio: Gastón Gaitán Monte de Oca, 14 anos (3º ESO), IES Ribeira do Louro.
Ademais, concedéuselle un accésit especial a Ibai Gómez Germán, de 17 anos (ACEESCA), en recoñecemento á súa creatividade e orixinalidade.
A entrega de premios terá lugar o xoves 27 de febreiro ás 18:00 horas na sala de comunicacións do Concello do Porriño. Como parte da celebración, Carla Marques Vaquero será a encargada de dar o pregón do Entroido 2025, acompañada polos demais gañadores no balcón da Casa Consistorial o sábado 1 de marzo.
Todos os carteis participantes serán expostos no Centro Cultural Municipal ao longo das festas do Entroido, permitindo que veciños e visitantes poidan admirar o talento artístico da mocidade do Porriño.