O Goberno local segue adiante coa reforma e o arranxo dos parques infantís da vila, que en moitos casos, subliña o concelleiro de Parques e Xardíns, Orlando Márquez, “non se repararan en anos, precisaban xa unha remodelación completa ou estaban xa obsoletos”.
O mes que ven estará en funcionamento o parque do Centro Social e Cultural de Atios, ao que o Concello destina un orzamento de 40.000€ e que contará cunha pista ‘polideportiva’ para a práctica de fútbol, balonmán ou baloncesto; novos bambáns, na zona infantil que “está a ser completamente remodelada” e na que se colocará un moderno chan de caucho para garantir a seguridade das cativas e cativos; e, por primeira vez, un parque de actividade biosaudábel para adultos.
Esta iniciativa, que terá continuidade nas vindeiras semanas noutros parques da vila, súmase ás realizadas no Parque da Urbanización do Sol, no investíronse preto de 22.000€ para arranxar todos os bambáns, colocar un deles para persoas con diversidade funcional e a instalación dun chan de caucho.
Tamén rematouse hai preto dun ano o do Campo da Feira, que contou cun orzamento de 4.173€; o Parque Lamazares, detrás de Correos, no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655€; o de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952€ e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.