- Instalaranse máis de 4.000 contadores intelixentes, 11 novos sectores para control de fugas de auga potable, 60 caudalímetros, máis de 70 sensores de calidade de auga residual e o deseño dunha web para facilitar información á cidadanía sobre a xestión das instalacións
- O comité extraordinario celebrado esta mañá analizou tamén a situación do encoro de Eiras e o seu impacto en cada municipio
O Porriño, 25 de novembro de 2025.- O Consorcio de Augas do Louro, integrado polos Concellos do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas, celebrou hoxe un comité extraordinario no que se aprobou o proxecto de mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga. A obra, que sae a licitación e conta cun prazo máximo de execución de seis meses, supón un investimento total de 3.574.817,99 euros, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), no marco da segunda convocatoria do PERTE promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
O proxecto ten como obxectivo principal a implantación de solucións tecnolóxicas avanzadas para a sensorización, automatización, control remoto e análise de datos en tempo real de todas as instalacións do ciclo da auga xestionadas polo Consorcio, desde a captación ata a depuración. Este avance permitirá optimizar a xestión integral da auga, reducir perdas e consumo enerxético, mellorar a transparencia e trazabilidade dos procesos e garantir unha resposta rápida ante incidencias, cumprindo ademais coas esixencias da nova normativa europea sobre protección do dominio público hidráulico.
Entre as accións concretas previstas destacan a instalación de case 4.100 contadores intelixentes para usuarios domésticos, grandes consumidores e instalacións municipais, a creación de 11 novos sectores para control de fugas de auga potable, a colocación de 60 caudalímetros en estacións de bombeo de augas residuais e máis de 70 sensores de calidade de auga residual vertida, co fin de mellorar o control da rede de saneamento. Adicionalmente, instalaranse dúas plantas solares fotovoltaicas nas potabilizadoras de Mos e Tui e desenvolverase un deseño web para facilitar á cidadanía o acceso á información sobre a xestión das instalacións.
Todas estas medidas contribúen aos obxectivos establecidos na Planificación Hidrolóxica 2022-2027 da Demarcación Miño-Sil, promovendo o bo estado do dominio público hidráulico, reducindo a contaminación e aumentando a eficiencia e sustentabilidade dos servizos.
Coa aprobación deste investimento e o impulso das actuacións do PERTE, o Consorcio de Augas do Louro dá un paso decisivo cara á xestión intelixente e sostible do ciclo integral da auga, converténdose nun modelo replicable para outras entidades xestoras.
Coordinación e responsabilidade na xestión das infraestruturas de Eiras
No segundo punto da orde do día, os alcaldes dos concellos membros: Porriño, Alejandro Lorenzo, tamén presidente do Consorcio; Mos, Nidia Arévalo; Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e Tui, Enrique Cabaleiro, analizaron a situación actual do encoro de Eiras e o seu impacto en cada municipio, estudando posibles solucións coordinadas para garantir o abastecemento presente e futuro. Durante a sesión acordouse solicitar unha xuntanza interinstitucional para estudar a posible creación dunha mancomunidade, que permita fortalecer a cooperación entre administracións e garantir a seguridade hídrica de forma sustentable e estratéxica.
Como presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo trasladou unha mensaxe de claridade e responsabilidade en relación ao conflito aberto co Concello de Vigo e á situación da presa de Eiras. Así, explicou durante a celebración do comité que en relación á situación das válvulas e ao mantemento da presa de Eiras, “quero ser moi claro: estamos falando de infraestruturas críticas para o abastecemento de auga. E aquí quero subliñar algo fundamental: o Consorcio de Augas do Louro está formado por catro concellos —O Porriño, Salceda, Mos e Tui—, e todos, absolutamente todos, debemos ser partícipes de calquera obra, mellora ou actuación que se leve a cabo. Non se pode tomar decisións unilateralmente. O Consorcio é un órgano de cooperación e así debe funcionar”.
Lorenzo sinalou que se hai informes técnicos que acreditan deterioro ou risco nas infraestruturas, “o responsable é actuar, planificar e coordinarse entre todas as administracións implicadas. O que non pode ocorrer é que quen ten a competencia directa sobre a manipulación e vixilancia das válvulas non asuma esa responsabilidade. A seguridade do sistema non pode depender de improvisacións nin de actuacións tardías”. Neste sentido, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, presente tamén no comité extraordinario desta mañá, asegurou que “é o Concello de Vigo o que manipula exclusivamente as válvulas”.
“Seguiremos defendendo os nosos seus dereitos, colaborando nas solucións e cumprindo coas nosas obrigas. Pero tamén imos defender o que é xusto, o que é legal e o que corresponde. O noso compromiso é coa veciñanza, coa seguridade do abastecemento e coa xestión responsable dos recursos públicos. A través do Consorcio seremos parte nesta defensa dun ben público que é de todos e de todas como é a auga”, concluíu Alejandro Lorenzo.

