O obxectivo é ofrecer unha nova canle de comunicación coa poboación máis nova do concello e darlle maior visibilidade ao traballo realizado polo Consello Municipal da Infancia e da Adolescencia do Porriño que é un órgano de participación que ven funcionando nesta vila mesmo antes do seu recoñecemento como “Cidade amiga da infancia” por parte de UNICEF, dende 2018.
A iniciativa enmárcase nas actividades previstas para este mes de novembro en relación a conmemoración do Día dos Dereitos da Infancia, e que inclúe a dinamización da participación nos centros educativos, a participación dun representante do consello no encontro autonómico do día 17, a celebración dun pleno infantil o propio día 20 de novembro, e a iluminación da fachada do concello ese mesmo día.
Trátase dunha nova canle de participación na que nenas, nenos e adolescentes do Porriño poderán coñecer o traballo que realiza este órgano consultivo municipal, formado por representantes de todos os centros educativos do concello.
O perfil xa está activo en https://www.instagram.com/infanciadoporrino/ e para dalo a coñecer, dende a Concellería de Educación do Concello do Porriño e a Oficina de Información Xuvenil (OMIX) que son os impulsores desta iniciativa dos propios rapaces, organizaron unha votación. Trátase de elixir o que será o logotipo que represente ao Consello Municipal de Infancia e Adolescencia en cada un dos seus actos.
Para participar na votación teredes que seguir a este perfil en Instagram e comentar cal é o logotipo que máis vos gusta.