O Concello do Porriño suspenderá temporalmente o mercado ambulante durante as tres vindeiras semanas, segundo acordou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Tamén durante ese período de tempo pecharanse os parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos, conforme ás restricións que acordou a Xunta de Galicia e vixentes ata o 17 de febreiro.
A alcaldesa, Eva Garcia explicou que estas medidas locais de acompañamento ás restricións autonómicas “adóptanse para garantir a seguridade de todos limitando ao máximo a interacción e o contacto social”.
Por outra banda, a proposta do goberno municipal e co acordo dos participantes na Comisión Municipal de Seguimento, determinouse a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria para habilitar un fondo de axudas económicas directas, semellante ao que funcionou en 2020 e repartiu achegas por un importe total superior aos 80.000 €.
“A idea é axudar de xeito especial á hostalería, como sector máis damnificado polas restricións, pero tamén ao comercio e aos autónomos”, engadiu a alcaldesa.
Eva Garcia manifestou, tamén, que agarda “chegar a un consenso con todos os grupos políticos da corporación a contía desas axudas para que esta proposta saia coma unha iniciativa común de toda a corporación”.