O Concello do Porriño aportará este 2017 un total de 18.000€ ao Festival de Cans, repetindo a meirande cantidade que o festival recibiu, na súa historia, das arcas locais o pasado 2016. Así transmitiullo a alcaldesa, Eva García de la Torre, a Alfonso Pato, director do certame, e Abel Gallego, membro da organización do mesmo, nunha longa xuntanza que mantiveron este mércores.

A XIV edición da mostra, que se celebrará do 24 ao 27 de maio, terá “presenza en todo O Porriño, de xeito que durante os días do mesmo toda a vila será parte e partícipe do festival”, sinalou a alcaldesa, quen subliñou que o Concello colaborará ao máximo para “fortalecer a marca Festival de Cans coma parte esencial da nosa identidade”.

García de la Torre, adiantou que o programa de actividades deste 2017 será aínda máis participativo que o ano pasado, haberá unha relevancia maior de O Porriño e dos porriñeses no mesmo e se “visibilizará” o compromiso e a simbiose das veciñas e veciños co que é co que representa o Festival de Cans

A alcaldesa animou a todos os cidadáns a participar da programación de Cans, que ademais de no portal web festivaldecans.com, estará pendurada nas redes sociais do Concello, e a gozar de todas as propostas que se espallarán pola vila xa dende datas anteriores ao inicio mesmo das proxeccións dos filmes.