- As ditas actuacións contribuirán á redución dos residuos que rematan en vertedoiros, incrementando a porcentaxe de materiais reciclados e fomentando unha maior concienciación da veciñanza sobre a necesidade de coidar o medio ambiente.
O Porriño, 24 de abril de 2025.– A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu ao Concello do Porriño unha subvención que supera os 113.000 euros, destinada a financiar actuacións municipais en materia de residuos. Estes fondos permitirán implantar, ao longo do ano 2025, sistemas de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e residuos téxtiles, contribuíndo así á mellora da xestión ambiental no municipio.
A contía principal, de 74.970 euros, irá destinada á implantación do sistema de recollida de biorresiduos, que incluirá o subministro de cubos e contedores tanto para uso doméstico como para grandes xeradores, bolsas compostables así como a posta en marcha de campañas de información e sensibilización, tanto para a poboación xeral como para os grandes xeradores.
Ademáis, destinaranse máis de 20.000 euros á implantación dun sistema de recollida separada de aceite de cociña usado, incluíndo o reparto de 5.000 embudos. Outros 18.000 euros permitirán desenvolver un proxecto de recollida de residuos téxtiles, mediante a entrega de 2.500 sacas reutilizables.
As ditas actuacións contribuirán á redución dos residuos que rematan en vertedoiros, incrementando a porcentaxe de materiais reciclados e fomentando unha maior concienciación da veciñanza sobre a necesidade de coidar o medio ambiente.
O alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia desta axuda:
“É unha gran noticia para O Porriño. Esta subvención vai permitirnos avanzar cara a un modelo máis sostible, moderno e responsable na xestión dos residuos. Non só melloramos os servizos, senón que tamén fomentamos unha maior conciencia ambiental entre a veciñanza.”
Pola súa banda, o concelleiro competente en materia de residuos, Carlos González, salientou o traballo realizado polo Concello para acadar esta axuda:
“Levamos tempo traballando para mellorar a separación dos residuos no municipio e esta achega vai ser clave para continuar coa implantación de novas solucións técnicas e informativas. Con este apoio poderemos dar un salto cualitativo na recollida de biorresiduos, aceite usado e téxtil.”
O proxecto desenvolverase durante o ano 2025 e supón un paso firme cara á mellora da reciclaxe e ao cumprimento dos obxectivos marcados pola normativa europea e autonómica en materia de residuos.