- As concelleiras de Educación e Sanidade reuníronse cos equipos directivos dos centros educativos do municipio para planificar actividades que fomenten a calma, a educación afectivo-sexual e a prevención de riscos entre o alumnado
O Porriño, 9 de outubro de 2025.- A concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, e a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, mantiveron unha reunión cos equipos directivos dos centros educativos do Porriño para presentar a oferta de actividades para o curso 2025-2026, que teñen como eixe principal o benestar emocional e a prevención de problemáticas sociais e de saúde.
As actividades programadas inclúen a práctica do inglés, talleres para a calma e a relaxación, visitas á Casa Consistorial e ao parque de bombeiros, así como unha exhibición das forzas de seguridade. Neste curso destaca especialmente a incorporación de talleres afectivo-sociais e sexuais, unha demanda expresada polos propios centros.
A concelleira de Educación destacou que “a reunión foi moi positiva e frutífera, pois permitiu afondar nas necesidades reais dos centros e axustar a oferta para garantir o benestar tanto do alumnado como do profesorado, que é o pilar fundamental deste proceso”. Pola súa banda, a edil de Sanidade subliñou que “estes programas son unha prioridade para o Concello porque abordan aspectos fundamentais para a saúde emocional e física da comunidade educativa, dende Sanidade, en colaboración co centro de saúde da vila, continuaremos coa realización de obradoiros divulgativos de nutrición, enfermidades de transmisión sexual e hixiene dental”.
O programa de benestar na comunidade educativa, que se dirixe a docentes e alumnado, ten como obxectivo facilitar ferramentas para o coidado das emocións, a atención e a calma, mellorando o ambiente escolar e fomentando hábitos saudables para afrontar situacións como exames, conflitos ou momentos de estrés.
Ademais, o Concello lanzará unha serie de programas específicos que inclúen educación afectivo-sexual e prevención das agresións sexuais infantís; prevención do consumo de pornografía, da prevención da violencia de xénero, dos trastornos da conduta alimentaria e violencia estética e do acoso escolar.
Estas iniciativas buscan crear un entorno escolar seguro e igualitario, garantindo a participación activa das familias e o profesorado. Desde o Concello do Porriño insístese na aposta por unha educación integral que, ademais de formar, coide e protexa a comunidade educativa.